Xurxo Lobato | “Son un patrimonio tan importante como a catedral de Santiago”

Xurxo Lobato | “Son un patrimonio tan importante como a catedral de Santiago”

“Vento nas velas” ten un guion. Vai até as carpinterías de ribeira onde os artesáns moldean a madeira segundo marca a tradición e chega ao porto, xusto nese momento máxico onde os mariñeiros erguen as velas e un quédase noqueado mirando para elas. 
Navega nunha embarcación e noutra e atraca de volta. Para observar a paisaxe que se levanta ao redor. O libro non se detén e fala das arquitecturas que baten coa brisa do mar e que respiran de gótico en igrexas como as de Muros, Noia ou Laxe. Para ilustrar o conto, Xurxo Lobato gastou catro anos percorrendo toda a xeografía marítima do país en busca de patrimonios con e sen patas, “as embarcacións son tan importantes como a catedral de Santiago”, e os que as fan “teñen memorizado un xeito de construír e unha sabedoría de anos” que non se pode perder. Non se debe perder. E ao mesmo tempo que o volume vía a luz, comenta o autor, a Xunta declaraba como BIC o oficio inmaterial de carpinteiro de ribeira. 
Lobato participou en todo ese tempo dos “encontros” que se organizan, aquí, a cargo de asociacións como Os Patexeiros de Sada que os chaman “Balbina” por un barco que recuperaron, e as de acolá, con colectivos como Os Gatos de Portonovo. Gústalles falar de encontros, que non regatas, porque aquí non gaña o máis rápido. Gañan todos, avanzando paseniño pola manta azul e aínda que a máis coñecida é a dorna, de orixe vikinga, hai moitas máis. Dentro desta mesmo, Lobato recolle distintas tipoloxías en imaxes e a través de textos, nos que expertos como Felipe Senén escribe sobre as festas vinculadas ao mundo marítimo e José Ramón Soraluce, dos edificios que están en primeira liña de costa, da súa morfoloxía e o urbanismo que se apiña para protexerse do vento. 
Deste xeito, o bote de Ribadeo, o polbeiro de Bueu, a buceta, a dorna e a súa curmá Meca, a de Tope ou a lancha xeiteira respiran en medio dunha cultura que Lobato reflicte a golpe de clic e que outros especialistas completan con escritos que lle dan a este tipo de construcións o valor que teñen. Lobato conta que aínda que Sada leva vantaxe, os colectivos coruñeses teñen intención de que as dornas naveguen tamén pola bahía da cidade nun auténtico espectáculo en movemento. l

Xurxo Lobato | “Son un patrimonio tan importante como a catedral de Santiago”

Te puede interesar