
O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, cre que non hai maior motivación para un futbolista que desexar manter o liderado malia que recoñece que, para os xogadores do Lugo, o derby ten maior carga emocional, xa que para eles hai uns anos era impensable disputar un encontro de tal magnitude.
“Nós non podemos ter maior motivación, independentemente de quen sexa o rival, nós estamos a pelexar por algo vital para o club e para a cidade, e agora que estamos líderes non o imos deixar escapar. Imos saír super motivados porque non queremos deixar a situación na que estamos”, asegurou o técnico de Castrofeito, quen comparou os seus futbolistas cun can que se nega a soltar o prezado óso que ten entre os dentes.
“Temos algo que nos gustaría mantelo ata o final de Liga porque significaría que imos ascender. Dáme igual estar primeiro ou segundo, pero agora estamos primeiros, agarramos ese óso e imos defendelo a morte. Non imos deixar que ninguén nos quite o que temos, así que entre o equipo e a afección, que nos ten que axudar, imos conseguir que o Depor siga na parte alta. Esa vai ser unha loita bonita, tremenda e dura”, continuou.
Aínda que está convencido de que os seus futbolistas saltarán ao céspede de Riazor coa máxima motivación, mostrouse convencido de que son os xogadores do Lugo os que vivirán este derby dunha forma máis especial.
“Eles están a vivir momentos históricos que nunca viviran, entón para eles é tremendo xogar contra o Deportivo. Para nós tamén é un partido importante, vital, como todos, pero cando un club ten unha historia detrás importante este partido ten unha importancia inferior”, apuntou, e engadiu que o derby de hoxe “significa o crecemento futbolístico dunha cidade como Lugo, que está a gozar dunhas situacións que antes non podía, ao nivel do Deportivo e o Celta”.
fiel ao seu estilo
O preparador coruñés confirmou que o seu equipo manterá o seu estilo de xogo ante o Lugo e que os seus xogadores non se deixarán levar polo feito de disputar ante os seus afeccionados o que se espera que sexa o encontro con mellor entrada de toda a tempada.
“Temos unha forma de interpretar o fútbol que, de momento, nos está a funcionar, así que o feito de ser líderes non nos vai facer cambiar o noso xeito de xogar”, aseverou, á vez que negou que o segredo dos seus xogadores sexa unicamente o “oficio”.
“Nós adestramos, defendemos, atacamos, contraatacamos. Non é oficio, é traballo, sacrificio, esforzo, solidariedade, defensa especialmente, pero o que facemos tampouco é doado porque se fose doado todo o mundo podería facer exactamente o mesmo”, advertiu.
O adestrador branquiazul considera que, debido ás características de ambos os dous equipos, no derby desta tarde será máis importante que nunca adiantarse no marcador.
“Cústanos remontar e cando marcamos, somos fiables, non adoitamos fallar, polo tanto, neste partido paréceme determinante marcar primeiro”, analizou e recoñeceu que sería unha boa noticia para o seu equipo que finalmente non puidese xogar o franco-italiano Vincenzo Rennella, máximo realizador do conxunto lucense.
“Nunca me obsesiono co once que vai sacar o equipo rival, pero Si Rennella non está, vai ser importante porque está a dar un rendemento extraordinario, de futbolista de primeiro nivel. Cada balón que tocaba ía para dentro”, afirmou.
Vázquez vaticinou un “partido moi igualado” e asegurou que o que máis lle gusta do Lugo é como se comporta “como equipo”. “Como ataca, como se agrupa. Ten rutinas competitivas”, argumentou, á vez que mostrou o seu convencemento de que os pupilos de Quique Setién estean inmersos na pelexa polo ascenso ata o final de curso.
“Ten posibilidades porque é un equipo que defende ben, agrúpase ben, e cando ten a pelota, de mediocampo para arriba é un equipo moi interesante, de talento técnico. Ten un equipo que hai que ter coidado con el”, avisou. n














