Vinte anos das “Ultranoites” de Chévere

Vinte anos das “Ultranoites” de Chévere
chévere teatro fará desfilar ás mascotas autóctonas dos últimos anos como o “pelegrín”

Comezaron con este formato porque notaban en falta rexistros teatrais algo máis populares como os que adoitaban ter acubillo nos bares e a deshora. Fixérono no mesmo ano en que a mascota que hoxe parodian, o “Pelegrín”, concorría no día a día dos galegos. Estaba en todas partes. Nun garaxe reconvertido en escenario con butacas, Chévere Teatro decidiu chamar a aquelas sesións de humor retranqueiro  “Ultranoites” para disparar sobre a actualidade desde o galpón que bautizaron como sala Nasa e da man dos que buscaban daquela un sitio nas artes escénicas.
A compañía celebra mañá e o sábado, ás 23.00 horas, no Fórum Metropolitano os vinte anos desta fórmula exitosa co espectáculo “Relaxing Ultranoite”. O auditorio poñerase para a ocasión o traxe de café teatro e ofrecerá servizo de bar nas dúas horas e media que dura a función.
Conta un dos pais de “Ultranoite”, Xesús Ron, que o nacemento dela coincidiu no tempo coa irrupción no teatro de actores como Miguel de Lira ou Mónica García. Nelas, Mofa e Befa comprobaron que funcionaban e Quico Cadaval comezou a darlle forma as súas primeiras historias. Por aquí, explica Ron, pasou un Luís Tosar que aterraba en Compostela co obxectivo de conquistar a escena e unha parella composta por María Pujalte e María Bouzas traía un show chamado “Fisterra Broadway”.
Coa mesma pretensión de facer converxer a distintas xeracións no escenario, Chévere Teatro xuntará no Fórum aos de sempre –Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantxa Villar, Iria Pinheiro e o propio XRon– con Antonio Coucheiro “Cou”, Cristina Balboa e a compañía Triatreiros, recén saída da escola de Vigo.
Entre todos tocarán o momento actual cun Rajoy falando de política internacional e con Merkel compartindo cartel coa infanta Shakira de Borbón, metade Cristina metade a cantante colombiana, e cun desfile de mascotas que farán aflorar os recordos desde “Naranjito” ao autóctono “Pelegrín”. Na cita non faltará a música en directo de Xacobe Martínez, Manuel Cebrián e Max Gómez e un corpo de baile de “Ultranoite” sairá á pista cun número inspirado na Década Prodixiosa, lembrando os bailes televisivos e con letras sobre os incendios ou os touros. En algo máis ca un telexornal “cheveriano”. Máis ben maxia. n

Vinte anos das “Ultranoites” de Chévere

Te puede interesar