“Eu non son escritor galego, son escritor e máis nada”, afirma Suso de Toro

El Ideal Gallego-2011-07-14-013-24e70854

marta garcía márquez > a coruña
  Deixou a toda unha comunidade de lectores en galego orfa despois de anunciar a súa retirada en 2010. Dixo que marchaba para facer unha curiosa viaxe no tempo e voltar a sentarse nesa cadeira situada no alto, desde a que un pode controlar todo o conxunto de pupitres. De rapaces para os que agora trilla a literatura.
Faina comestible e provoca así a curiosidade dos que gozan da inmediatez e dos que posiblemente lerán historias a través dunha pantalla porque “o que está inventado, nunca se desinventa”, di o profesor e daquel “mundo no que me fabricaron e onde a prensa de Madrid chegaba un día despois” a hoxe hai un abismo que se conta en milésimas de segundo.
Suso de Toro ofrecía onte na Maestranza a primeira sesión dun curso de verán, no que os participantes están sendo testemuñas de como as letras entran nas aulas da man de libros de autor. De Toro repasaba en alto parte da historia literaria para concluír que as obras máis altas non discurriron na cabeciña dos que lle deron forma: “Shakespeare practicamente non inventou ningún argumento”. O Macbeth xa existía cos celtas e para Hamlet, o británico bebeu de fontes anteriores, polo que el simplemente inxectou nas historias un formato teatral e deulle voz aos personaxes. De forma extraordinaria, iso si.

Imaxinación > O autor de “Land Rover” confesaba que ningunha das súas historias tivo que ver con cousas que escoitou nin viu, con nada do sucedido porque cre que a creación literaria completa é a de inventar persoas e acontecementos.
Foi así como o poñente foise ata Alemaña para explicar que neste país naceu o concepto de gran literatura para distinguir aos escritores como distintos á xente común, algo así coma profetas, que desfilaron da man da idea de nación, para a que os franceses argallaron toda a máquina do estado. É por esta razón que os autores non se poden entender sen agrupalos dentro dun contexto e unha época. Unha contemporaneidade que xustifique o escrito.
De Toro poñía como exemplo o caso da España de Franco, que dificilmente podía escapar dos límites do seu nacionalismo castellanizado e aos escritores foilles imposible evitar non falar da época. Era o única á que tiñan acceso: “Hai que entendelos entón no se lugar e no seu tempo”.
Neste aspecto, o compostelán tívose que enfrontar á decisión de escribir en galego ou en castelán nunha década, os oitenta, na que os que lían en galego, facíano por convicción ética. El non o pensou. Tratábase dun deber, a pesar de que deste xeito sabía que non ía poder vivir da literatura.
Foi entón cando innovou nas letras galegas e, en vez de practicar un exercicio de exaltación da terra, Suso de Toro sacou ao mercado “Polaroid” para aqueles que so tiñan a pretensión de gozar da literatura: “Eu quería escribir para lectores de literatura e non para patriotas”.
Esta novela despertou o interese por ler dos que buscaban outras cousas nas páxinas. De todos xeitos, o autor sinala que este tipo de facer arte ten que ter necesariamente unha vinculación intrínseca coa lingua. Isto fai que os ingleses teñan a Shakespeare como seu e os españois a Cervantes “anque non o lean e fan ben porque é horrible”.
Pasa o mesmo con Rosalía, engade, e os seus versos forman parte da identidade e pasa entón que cando un marcha, como é o caso do escritor, érguense aqueles que nunca o leron pero que o consideran parte súa: “Son consciente de que nas miñas obras pesa unha recepción nacional”.
Neste sentido, o mestre sentencia con que el non é un escritor galego, senón “un escritor e máis nada e se fora chino, escribiría en chino mandarín”, nunha situación actual na que “hai unha crise nacional evidente”, cando a mesma que no século XX quixo construír Europa ao seu antollo, está a facer o mesmo de forma directa a través da economía. Dicía o experto que o vello continente xira hoxe arredor do que Alemaña coce no seu pote nun mundo no que “a literatura é literatura con independencia da lingua na que está escrita”.

“Eu non son escritor galego, son escritor e máis nada”, afirma Suso de Toro

Te puede interesar