“Dende o Concello defendemos que os donos do hotel son os veciños, iso ten que quedar claro”

El Ideal Gallego-2016-01-19-019-55cb4888_1
|

Chegou á corporación en agosto de 2012 para incorporarse ao grupo municipal do BNG, entón na oposición. En 2015, Xosé Lois Suárez Becerra –coñecido por todos como Liss– foi cabeza de lista desta formación e, tras o acordo de Goberno con Sadamaioría e o PSOE, é o responsable da Concellería de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente. Comerciante desde mozo –“e espero que, cando saia de aquí, ata que me xubile”–, son moitos os retos que ten por diante e recoñece que iso é, probablemente, o que máis lle apaixona.

Moito traballo? 
A verdade é que si, pero dá gusto. Unha das cousas máis agradables que me atopei ao chegar, e dígoo en sentido positivo, é que está todo por facer. Non hai lugar para o repouso nin a compracencia. O turismo, a dinamización do comercio, as feiras... Estou contento porque hai moita comunicación cos veciños, todos os días vén alguén a expor cousas, a facer críticas ou propostas.

Nótolle motivado.
O balance do que fixemos até agora motívame a mirar cara adiante e non para atrás. Teño moita esperanza e certeza de que sairán adiante os proxectos.

Que é o máis urxente que se atopou ao chegar? 
A organización integral das competencias propias da miña área. En todos os sentidos. Empecei a falar con todo o persoal para ser eu o que se adaptase ao seu modo de traballar. O máis importante é ter un plan de traballo para todos os departamentos. Sen iso, é imposible. E para iso contamos con expertos en cada materia. Ademais, atopámonos cun concello con moita necesidade de limpeza a nivel ambiental. Xa se facía razoablemente, pero levamos xa máis de dez hectáreas en todo o concello.

Qué área necesita máis atención?
É necesario dedicarlle tempo a todo. En cada época, cada evento determinado... Agora estamos co desenvolvemento do plan de xestión das Brañas. Cada día márcache a que tes que dedicar máis tempo. O obxectivo é a excelencia e algúns dos traballadores do departamento xa a rozan. A día de hoxe, quizais o máis importante sexa Medio Ambiente, pero iso vai cambiando en función das necesidades, porque hai varios aspectos que fan de locomotoras que van tirando de Sada, alimentándoa.

Unha desas debería ser o Pazo de Meirás? Hai unha postura clara e única de todo o Goberno local neste sentido?
A postura é a mesma que na campaña. O pazo ten que volver ás mans do pobo, que é a quen lle corresponde. Niso non hai volta de folla. Non podemos caer no erro de tirar pola borda todos os esforzos que tanta xente tivo que facer durante décadas para que volvese á súa situación anterior a Franco. O Plan Xeral é unha ferramenta moi boa para afrontar o presente e o futuro do pazo, pero a esencia é sempre esa.

Sempre se pediu a implicación doutras administracións. Seguen nesa liña?
É que é necesario que o fagan. Tanto o Concello como a Deputación, a Xunta e o Estado. Se queremos, podemos. Se non, non se conseguirá nunca. Hai que seguir falando con todos os axentes. O que teño claro é que o Concello de Sada é protagonista necesario e decisivo neste asunto, pero se só queremos nós, non imos a ningún lado. Esperamos aos demais, e refírome sobre todo ao Estado.

Se lle preguntaba polo pazo como peza clave no futuro de Sada, non digamos o hotel. Cal é a situación hoxe? 
O hotel é unha das posibilidades de expansión e crecemento que ten Sada para adquirir relevancia. Agora, Abanca ten moito que dicir porque só poxou ela. A información que nos chega é que hai ofertas para distintos usos, pero iso non me corresponde a min. Eu non me meto na política de Abanca. Nós, como Concello, dicimos que ten que quedar claro que os veciños son os donos do hotel e do terreo.

Cal é o papel da Administración local neste tema? 
O Concello ten que velar por conseguir a mellor solución de futuro e considero que iso pasa por un complexo hostaleiro. Ademais, ten uns baixos estupendos que poderían destinarse a equipamento social. Non nos pechamos a ningunha fórmula. O mellor é que o futuro está na nosa man. Agora si. Somos parte do proceso e temos que estar en contacto con Abanca.

Manexan algún prazo, por mor deses contactos, para que poida abrirse o hotel, sexa o negocio que sexa?
Hai que abrilo nun prazo razoable. Non mañá. Hai que facer un traballo aí, pero está en mellores condicións do que a xente se cre. Temos a oportunidade de crear algo que atraia, unido a plans, unha programación complementaria, rutas gastronómicas, turísticas ou comerciais... Se todo isto funciona, Sada a medio prazo será unha referencia nas Mariñas. Ten que ser un hotel. Na miña opinión, ten que ir a unha figura que beneficie ao empresario pero que reverta nos veciños a nivel económico.

Pensa de verdade que como hotel pode ser rendible? 
Falando con profesionais do sector turístico e da empresa, todos ven posibilidades de que o sexa como hotel. Ninguén dirá que sexa o maior negocio do mundo, pero algúns mesmo dixeron que lles parecía pequeno o hotel. Nos proxectos que vin estaba todo calculado sobre cando ía empezar a ser rendible.

Ese obxectivo está próximo?
Máis que próximo, véxoo moi posible. Espero que o vexamos pronto. Hai unha absoluta disposición de que empece a funcionar canto antes.

O que se está potenciando en gran medida son as feiras nestes meses que levan. 
Estamos gratamente sorprendidos. Non nos regodeamos porque, a pesar da cantidade de xente que veu por exemplo á Cervefeira, hai moitas cousas que hai que mellorar. Esa foi a primeira que organicei como concelleiro e desde pouco despois de que acabase, xa estabamos a recibir cartas e emails de xente interesada en como vai ser a seguinte. Calou moito.

Transmítenlle os comerciantes e hostaleiros que esas feiras reverten nos seus negocios?
Notárono, si. Coa feira de Artesanía, a da Cervexa... Todo está dentro dunha intención do Goberno que é a de facer cousas fora do verán. Desestacionalizar. Eu son comerciante e, para o sector, o inverno dura dez meses e medio. Por tanto, hai que dar vida a Sada os máis de 300 días que non é verán. Queremos que a xente que veña fágao coa sensación de que ten que volver. A idea é que a medio prazo, entre todas as áreas, en Sada organícese polo menos un evento ao mes. 

Que ten pensado para o humidal das Brañas?
Como digo, estamos co plan de xestión. Está encima da mesa desenvolvelo e entregar á Xunta a documentación canto antes. Imos a por figuras de protección moito maiores porque As Brañas ten todo o potencial para atraer investimento económico, protexer a cultura etnográfica e facer pedagoxía. De feito, proporemos aos centros escolares levar a cabo un programa onde nenos e mozos poidan visitar As Brañas desde un punto de vista proactivo. Se non concienciamos aos máis novos do que temos, non o conseguiremos con ninguén. Apostamos polo futuro, pola sustentabilidade e pola realidade.

“Dende o Concello defendemos que os donos do hotel son os veciños, iso ten que quedar claro”