Cultura deixará de subvencionar o Festival Empape de danza por outro tipo de accións

El Ideal Gallego-2011-07-05-012-f66f720a

m.g.m. > a coruña

  A Concellería de Cultura comeza a reestruturar o seu programa de actividades co fin de encher de citas a cidade e cos correspondentes cambios que afectarán a iniciativas que repetiron varios anos como o Festival Empape, que levaba esta fin de semana a danza á rúa, e que, en principio, non volverá a facelo, segundo confirmaron os organizadores.
Un deles, Ramiro Neira, indicaba onte que seguramente non recibirán máis axudas do Concello, despois de comunicarlle aos seus representantes nunha reunión mantida nos últimos días que apoiaría outro tipo de accións culturais sen especificar se estarán relacionadas ou non coa danza. Estefanía Vázquez, de Artestudio, sinalaba pola súa parte que non está confirmado o apoio municipal pero que ían intentar que María Pita volvese a levar as artes escénicas a espazos públicos para achegalas así a espectadores que, de non ser por este tipo de cousas, non verían espectáculos de danza.
Por parte dos integrantes do festival, seguirán loitando por conseguir a subvención dos outros promotores que se comprometeron ao longo destes catro anos con Empape e andarán na búsqueda de novos co fin de que a cita, englobada dentro dunha rede chamada “Ciudades que danzan”, non se paralice.
Comentaba Neira, tras unha última edición, que a cita ao aire libre mellorara co tempo: “Tiene su personalidad y expone a la ciudad en un ámbito internacional”, ao estar dentro dun colectivo que agrupa preto de trinta festivais de danza. Engadía o experto que o de A Coruña medrou porque cada vez “se trabaja mejor y alcanza una mayor relevancia a nivel de público”. En calidade de organizador de eventos culturais, Neira salientaba que cómpre ter paciencia para seguir no labor de “turrar” e presionar aos novos co obxectivo de que a cidade teña un movemento cultural como ata o de agora. Neste sentido, a anterior responsable da área de Cultura, María Xosé Bravo, reclamáballe ao PP un “compromiso coa danza” e destacaba a importancia de manter o festival para “impulsar o desenvolvemento cultural de A Coruña”. Segundo a concelleira, “o Festival Empape logrou erixirse como punto de encontro e intercambio de experiencias entre artistas e espectadores e levou a danza a espazos urbanos para facela accesible a todos e todas”.
Bravo insistía en que a actividade proxectaba a cidade ao estar enmarcada en “Ciudades que danzan”, unha rede que leva funcionando 25 anos: “Todo o que se fai aquí vaise espallar entre o resto de festivais que compoñen este tecido da danza”. Isto beneficia, segundo a nacionalista, ás compañías galegas. Advertía tamén que no caso de non recibir axudas do Concello, Empape podería mudar de cidade, cos “riscos económicos que suporía a nivel de turismo”.
Ademais de instar ao Partido Popular a manter o festival, Bravo criticaba a súa falta de interese pola danza ao non estar presente na estrea do último espectáculo do Centro Coreográfico Galego nin o conselleiro de Cultura, nin a concelleira de Cultura nin o xerente do Agadic, o que confirma a actitude dos populares con respecto a este sector.
Bravo explicaba que era a primeira vez que ocorría algo así desde a creación da compañía pública e manifestaba que “o PP fixo que se perdera a axuda do Ministerio de Cultura para a construción da sede do Centro Coreográfico Galego e nada se sabe sobre se se vai retomar”. A edil apuntaba que o Bloque sempre defendeu o CCG e “así o seguiremos facendo”.


 

Cultura deixará de subvencionar o Festival Empape de danza por outro tipo de accións

Te puede interesar