“A nivel institucional, todo vai moi ben entre Deportivo e Concello”

“A nivel institucional, todo vai moi ben entre Deportivo e Concello”
Copia de Deporte Campeón-9999-99-99-999-b703f05d

 

O alcalde e abonado do Deportivo, mantén unha boa relación co Consello de Administración. O Goberno local botou unha man para recuperar a paz social e non garda rancor a Tino Fernández, que nas pasadas eleccións destacou a axuda do daquela candidato do PP ao Concello, Carlos Negreira, ao clube coruñés por sacar adiante unha enmenda que permitiu ao Depor abonar en 34 anos 10,8 millóns de euros do imposto de sociedades, cantidade que poñía en risco a viabilidades do equipo.

—Como é a relación co Consello de Administración do Deportivo?
—Moi boa. A nivel persoal, as veces que estiven cos conselleiros e o presidente, a relación foi cordial. Temos varias liñas de colaboración abertas, algunhas visibles e outras menos visibles, e creo que as cousas este ano a nivel social no Deportivo están a ir ben e quero pensar que tamén puxemos da nosa parte para que iso fose así. E a nivel institucional, pois todo moi ben. Creo que polas dúas partes estamos moi satisfeitos coa relación que temos.

—Algo fundamental por parte do Concello foi contribuír á calma social, non?
—Nós achegamos o noso graniño de area, pero quen o fixo correctamente foi a directiva do Deportivo. O importante é que agora as cousas están ben porque todas as partes entenderon que era o mellor para o Deportivo. A nós, como institución, o que nos corresponde é tentar que a cidade estea tranquila tamén niso.

—Como valora a xestión de Tino Fernández?
—Creo que á vista dos resultados deste ano ten que ser boa. O ano pasado foi máis polémica na parte deportiva que non na económica. Todos como afeccionados temos a nosa opinión sobre fichaxes ou adestradores, pero este ano non se pode dicir nada. Acertou en case todas as fichaxes, ter a un adestrador que sente ao Deportivo como propio é algo moi importante e con Víctor conseguímolo, a xestión económica é boa e hai que felicitarlle.

—Dos adestradores que pasaron polo Depor, con cal queda?
—Todos nos acordamos de Arsenio, foi a época en que eu me enganchei a Riazor. Nas súas dúas etapas, en realidade, porque en Segunda ía co meu pai e tamén estaba el. E teño certa debilidade por Fernando Vázquez. O que el fixo en Segunda foi súper meritorio, con ese equipo, que estaba practicamente ascendido a oito xornadas para o final, aínda que non matematicamente.

—Borraría algún adestrador?
—A moitos, supoño. Non o sei. Non me gusta falar mal de ninguén. Creo que todo o mundo veu facelo o mellor posible. 

—Irureta?
—Non se lle pode discutir nada. Podemos ser críticos, pensar que se podían lograr máis cousas, pero gañou a Liga, tívonos regularmente en Champions... Todos os afeccionados queremos ser adestradores, pero a el hai pouco que discutirlle.

—Qué di de Lendoiro?
—Colleu o equipo nun momento malísimo, co Deportivo a piques de desaparecer, levounos ás mellores cotas deportivas, púxonos en Europa, fichou xogadores impresionantes para o Deportivo, pero os últimos anos non foron bos nin económica nin deportivamente. Todas as persoas cumpren un ciclo e o seu foi boísimo, excelente, o mellor da historia do Deportivo, pero en todo chega ese momento de dar o paso e saír e el fíxoo, non sei se no momento adecuado ou se tiña que ser un pouco antes. Todos os deportivistas temos que estar agradecidos da época gloriosa que o Deportivo viviu da man de Lendoiro, de que o equipo non desaparecese no seu momento e despois hai grises e zonas escuras, pero non me gusta lembrar o negativo de ninguén.

—Tino, en pleno proceso electoral, falou da axuda de Carlos Negreira, candidato á alcaldía, como vostede naquel momento, ao Deportivo. Como lle sentou?
—A ver, eu era candidato e Tino tiña relación con Carlos Negreira. Eu entendino así. Supoño que seguramente agora non o faría. Xa foi criticado por tomar partido. Igual que eu como alcalde non debería dicir quen debe ser o presidente do Deportivo, se cadra ao revés pasa o mesmo, pero Carlos Negreira seguramente axudou ao club no seu momento e se Tino considerou que era de xustiza recoñecelo, ben, pero iso non fixo que a nosa relación sexa mala nestes momentos nin influíu porque eu non son unha persoa que pase factura. Non houbo problema. 

—Hai máis problemas coas arbitraxes. No partido co Valencia víuselle enfadado coas decisións arbitrais.
R: (Risas) Calquera que estivese no campo non estaría contento polo menos cun par de accións. Ademais, desde onde eu me sento, vese moi ben esa liña de fóra de xogo.

—En Riazor, está prevista a actuación nas cubertas. Vai haber máis?
—Nós estamos a tentar iso, que o tema das cubertas estea resolto cando antes. Dragados xa está a traballar niso. Despois, veremos que pode pasar aí, se é un investimento prioritario para a cidade ou non, e como o financiamos se é necesario unha actuación máis en profundidade... Aí tamén estamos a traballar co Deportivo. 

—Refírese ao aspecto exterior.
—Si, a iso e á modernización do estadio. Pero hai que entender que os orzamentos municipais non son de chicle e, por tanto, hai que priorizar investimentos.
—O Depor, Riazor, é un patrimonio da cidade?
—Iso entendémolo todos, a xente que lle gusta o fútbol e a que non lle gusta tanto e que entende que o Deportivo é importante para a cidade, como proxección de imaxe e para atraer visitantes cada partido que xoga en casa.

“A nivel institucional, todo vai moi ben entre Deportivo e Concello”

Te puede interesar