Pablo Díaz | “Os nenos cantarán: ‘Quero ser un chaval cowboy’”

Pablo Díaz | “Os nenos cantarán: ‘Quero ser un chaval cowboy’”
Pablo Díaz publicou en xuño o seu quinto traballo “Coas miñas mans”

Os picariños de Eirís cantarán hoxe con el a de “quero ser un chaval cowboy, quero moitas vacas e bois”, e aínda que a súa realidade de asfalto dista moito á de calzar botas de faena, o certo é que o músico que se criou no mesmo trozo de terra ca eles fará que o crean por momentos nun concerto ás 19.30 horas enmarcado nas festas da fresa e, en concreto, no programa Familirúa. O artista coruñés fará que os pequenos viaxen coa sua guitarra até Quebec, en Canadá, onde palpita un folk que trouxeron os ascentes franceses e que hoxe entra pola porta do festival de Lorient como parte do ecosistema. Farao tamén á tardiña no barrio.
Conta Pablo que para el o recital será moi especial por medrar alí no alto, aínda que leva anos dando clases de gaita e pandeireta nos Castros e por iso elixírono pregoeiro: “Eu son de Eirís”, e en Eirís presentará temas do seu libro disco, publicado en xuño, “Coas miñas mans” (Galaxia), co que poñerá a bailar sobre o verde ás vogais, aos números e ás cores, para aliñalo todo con “Tic, tac, toc”, no que toca músicas do mundo.
O primeiro vai adicado a nenos de tres a seis anos e incide moito na importancia das mans “eu traballo con elas, pero tamén serven para falar con xordos”, así que os pequenos xesticularán todo o rato, “serán xogos coas mans con distintas coreografías”, para levar a esencia multicultural a través de tres músicos que animarán aos pais a interactuar porque o conto é “que se divirtan todos”.
Díaz conta que verlles o sorriso aos rapaces é super gratificante: “Engancho moi ben con eles polo humor”. Engade que o escenario non será moi grande polo que axudará a estar máis preto os uns dos outros: “Será un concerto amable e próximo” para cruzar xuntos o charco e respirar das percusións brasileiras, do son cubano e do de aquí, que tamén o haberá, “un anaco de cada país, incluído un tema de country americano”. Díaz leva fabricados xa cinco discos con moito traballo, “saénme mellor as músicas que as letras”.
Despois de militar anos no grupo Ruote, Pablo derivou á editorial Kalandraka, e “facendo de músico e contacontos, deime conta que non había moito para nenos”. Foi ao ser finalista en 2008, do concurso Coruña Son, pilotado por Santiago Auserón, cando xurdiu o xérmolo de “Tic, tac, toc” e ao mesmo tempo que collía a guitarra para tocarlle aos rapaces, outros grandes facían o mesmo e dábanlle unha volta á música infantil do país, que como os álbumes ilustrados foron para arriba e hoxe son unha ferramenta moi útil nos colexios.
Díaz por exemplo fai que o tema do ciclo da auga sexa sinxelo e divertido. Máxico. l

Pablo Díaz | “Os nenos cantarán: ‘Quero ser un chaval cowboy’”

Te puede interesar