Un novo acubillo para a segunda man

Un novo acubillo para a segunda man
O espazo está situado na rúa de San Roque, 11-13 quintana

En San Roque, no número 11-13, a segunda man ten acubillo desde hai dúas semanas. Lonxe da posta en escena típica deste tipo de tendas, Fiandón preséntase como un lugar confortable, onde os libros están amontoados si, pero no que hai forma de coller asento e respirar despois de repasar tanto título ou de botarlle unha ollada a un cómic.
Todo o que se lle aparece á vista no local está a venda. O pequeno mobiliario ten prezo igual que o universo literario, a música e as películas. Se algo destaca no negocio, conta Francisco, son os tebeos e nesa busca do que lle gusta ao público, o que sempre soñou con ter unha libraría concibe a súa como un espazo onde non se dá unicamente a actividade mercantil, tamén a artística.
Deste xeito, o tamén capitán de O Alfaiate estende os estantes do bar a un novo apéndice, que se perfila como unha mesa de reunións de colectivos con inquedanzas e un laboratorio de teatro: “Mesturamos todo”. No andar de arriba, están os volumes pedindo unha segunda casa e abaixo, a parte activa do asunto. A idea partiu de facer do escaparate dos libros de follas amarelas, un sitio “limpo” e non “apretuxado” como soen estar as librarías de igual raza ca Fiandón: “Queremos facer que apeteza vir aquí”. Por iso, xunto ás letras, aparcan as infusións e os cafés.
No primeiro piso, xa teñen programados talleres de teatro e de cine: “As actividades que a xente queira facer”. Barallan a opción de que os coruñeses lle dean ao canto e máis adiante, ofertarán un obradoiro de encadernación e de restauración de libros antigos: “Para saber que facerlle a un lomo para que non se despegue”. No de cine, “Antonio vai plantexar dúas ou tres sesións sobre como velo e as orixes” para acabar facendo unha historia en movemento.
Fiandón abre ao público de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas, de luns a venres, e os sábados pola mañá. Entre medias, pensa en ampliar as opcións de ocio e introducir un cineclube e incluso espectáculos de microteatro, onde poder estrear as pezas que saian do taller: “Queremos crear obras propias”.

Un novo acubillo para a segunda man

Te puede interesar