“Os Axóuxeres” fai descubrir aos cativos a beleza da lingua galega no centro Ágora

“Os Axóuxeres” fai descubrir aos cativos  a beleza da lingua galega no centro Ágora
El Ideal Gallego-2013-10-08-009-94372a2d

O programa “Os Axóuxeres” chegaba onte ao centro Ágora da man de Caramuxo Teatro, que levaba ao escenario un lote de palabras fermosas que ten o galego e que os actores Laura Sarasola e Juan Rodríguez repartiron polo guión como pildoriñas.
A iniciativa da Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística facía que os pequenos asistiran a un festival dos sentidos porque a compañía acompañou o conto con música en directo. En concreto, o acordeonista Alex Fente, o clarinetista Fernando Román e o percusionista Suso Jalda lle poñían notas musicais a unha casa de madeira con encanto. Da que saíron os protagonistas para explicar que aínda que eles chantaran o primeiro tellado no territorio, pouco a pouco comezaron a ter veciños e dunha aldea, pasaron a vivir nunha cidade.
Foi así como das moradas dos do lado saíron personaxes curiosos. E a súa veciña florista fixo que os rapaces se recrearan no aroma dos caraveis e un home equilibrista sorprendía a quenes se quedaban enganchados da gata Rita e do trompista que choraba polo seu instrumento.
A menos de dous metros da escena, os nenos bailaron, riron, preguntaron en alto e aplaudiron unha función coa que reforzaron os coñecementos do seu idioma sen sabelo. A obra foi como unha especie de viaxe polas palabras para a xente máis miúda da casa, pero tamén para os pais que non teñen por costume empregar o galego.
Desta maneira, todos aprenderon algo na mañá de onte nunha actividade que chega a súa sexta edición e que comezaba a finais de setembro en Ourense. Neste período, “Os Axóuxeres” fará fincapé na beleza da lingua en 24 lugares do país, e se onte a cidade era o escenario elexido para facer voar aos pequenos entre estrelas de papel, a localidade de Arteixo recibía aos actores de Caramuxo o pasado domingo.
A idea é chegar ao público máis novo, aos que aínda teñen o título de “bebés”, para que vaian asimilando termos como seus e amplíen o vocabulario que escoitan na casa con palabras que igual están menos popularizadas entre a poboación.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicaba na presentación que os 24 puntos nos que fará parada “Os Axóuxeres” están dentro da Rede de Dinamización Lingüística e que o programa se prolongará até finais de ano a cargo dunha agrupación que “foi a primeira empresa que creou en Galicia unha oferta para bebés”.
A aposta da Xunta por darlle continuidade ten que ver co obxectivo de “favorecer a transmisión interxeneracional da lingua galega” xa que, segundo a administración, ofrece ás familias con nenos menores de seis anos un espazo de ocio neste idioma, así como materiais para continuar xogando e cantando nel ao finalizar o espectáculo teatral e musical.
O complemento á posta en escena, o desta edición e o das anteriores, pode descargarse de balde en www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013. Valentín García destacaba o feito de que Caramuxo coida de xeito moi especial a calidade da peza e a proximidade cos espectadores. Nun xogo no que se mesturan actores reais e títeres e no que cada fragmento escénico está pensado ao detalle. Para facer que o pequeno interactúe. E pense. No que está agochado detrás dunha casa e no que significan palabras nunca escoitadas, pero que soan ben como “axóuxere”.
Para os que teñen a intención de velo outra vez, o Goberno autonómico ten colgado na súa páxina web o calendario de citas, en concreto, no apartado adicado á lingua galega.
Ademais, dispón do teléfono 610 641 570 para que os interesados reserven praza no sitio desexado. O servizo está dispoñible de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas. n

“Os Axóuxeres” fai descubrir aos cativos a beleza da lingua galega no centro Ágora

Te puede interesar