Xosé Duncan | “A fantasía permite xogar con cores, con esencias, cun xeito de narrar moito máis poético”

el ideal gallego-2019-09-28-036-74606864
|

O escritor Xosé Duncan vén de publicar a súa última novela, “Mnemea”, unha nova inmersión no mundo da fantasía, desta volta cun certo toque mitolóxico

O escritor participou onte nun encontro onde mantivo unha conversa sobre a obra cos seus lectores.  

 

¿En qué consiste “Mnemea”?

É a segunda novela que publico con Galaxia. É un pouco máis fantasiosa ca anterior, “As lembranzas perdidas no lago Antelväri”, ten lugar máis na realidade, pero si que ten momentos moi de fantasía e de onírica. Conta a historia dun escritor, duns cincuenta e pico anos, que foi no seu momento unha gran figura da literatura fantástica e agora atópase nun momento da súa vida no que leva dez anos sen publicar. Quere escribir unha nova obra, pero ten unha serie de complicacións persoais. Ten unha sorte de esquizofrenia que pouco a pouco se vai apoderando da súa vida real, e aí é onde aparece Mnemea. Básicamente, é a historia do proceso da escrita desa novela e as súas complicacións.

 

¿E tivo tamén complicacións á hora de escribir “Mnemea”?

A idea de comezar a escribir este libro era xusto que me atopei nun momento no que non se me ocorrían ideas que me resultasen tan atractivas coma nas novelas anteriores. Chega un momento no que pensas “e qué máis fantasía se me pode ocorrer a min?”. Entón, foi poñerme no lugar do protagonista, dese escritor, e aí apareceu a figura de Mnemea. Se existise, a nivel figurado, unha musa que nos empurrase a escribir ou a ter boas ideas, e ocorréuseme esa relación turbia, que podería ter un escritor coa súa musa, e ela co escritor, e aí xurdiu a idea de “Mnemea”.

 

¿Qué ten a fantasía que tanto o atrae?

A liberdade creativa que te da. Si que é certo que nas últimas novelas voume abeirando máis  cara a realidade. Eu empecei coa fantasía épica, unha cousa desquiciante, con dragóns, druidas e tal, e pouco a pouco foise reconducindo a un realismo máxico. O que me atrae, como neste caso, é que as pasaxes nas que aparece Mnemea, parece que a propia prosa que estás a escribir muda en algo máis lírico, máis libre, máis onírico, permíteche xogar con cores, con matices, con esencias, con cambios de ritmo e mesmo cun xeito de narrar máis poético.

 

¿Cómo está a ser a acollida até o de agora?

Pois a verdade é que non o sei (risas). É moi curioso porque sei que o público que me sigue habitualmente mercou o libro e o leu, pero non tiven retorno. A verdade é que o xénero que traballo eu ten moi pouquiño retorno, nin eu tampouco son un autor maioritario, como poden ser as grandes voces, ou plumas, que saen constantemente nos medios de comunicación. O que si que vin nestes anos é que teño un público permanente, fixo. Por isto a sesión de hoxe, que está enfocada á xente que comprou a novela para poder falar un pouco das personaxes, da trama... sen medo a spoiler ningún, simplemente xente que xa coñece a obra e intercambiar opinións, ter ese retorno do que falamos.

 

Hai un par de anos comentaba que había máis escritores ca lectores en galego, tendo esta percepción ¿Por qué continuar a escribir en galego?

Non digo que a percepción sexa certa, pero é unha reflexión moi curiosa, se analizas, por exemplo as redes sociais. Nas redes decateime de que unha gran porcentaxe de xente que aceptas como amizade son do mesmo ámbito que ti tentas promover. Cada vez que promocionaba unha presentación ou un faladoiro, os “me gusta" viñan de xente que era iguales escritores ca min. A min o que me faltaba era o retorno do que falabamos antes, é dicir, se eu teño 100 amigos, 70 deles adícanse a escribir, pero non son xente lectora ou afeccionados. E esta é a mesma percepción que eu tiña no ámbito da literatura galega.

Xosé Duncan | “A fantasía permite xogar con cores, con esencias, cun xeito de narrar moito máis poético”