A Feira do Libro acada o seu 40 aniversario con 77 escritores convidados á celebración

|

El Ideal Gallego-2011-07-30-013-76dc7d7e

  marta garcía márquez > a coruña

  Haberá menos casetas e presenza de libreiros pero máis editoriais e interactividade con que pasea. A 40 edición da Feira do Libro será reflexo do que se están a converter este tipo de eventos, cando as historias con tapas aparecen en escena da man de toda a industria que xeneran. Non só de quen os vende. Eles serán os protagonistas durante dez días nos xardíns de Méndez Núñez.
Dunha e doutra maneira, estarán en primeiro plano acompañados dos seus pais e padriños. En todo este tempo, pasarán polos expositores un total de 77 escritores, dos que 26 traerán consigo unha nova edición debaixo do brazo.
Está previsto que cada día se presenten dúas ou tres novidades nun programa que se completará con charlas, citas musicais e unha serie de actividades dirixidas a aqueles que non superan o metro de estatura, para que medren con polviños máxicos. Os que proporciona a imaxinación. Ademais, a feira traspasará este ano o telón vexetal de Méndez Núñez e extenderá o seu brazo ata o Handicap Café, onde haberá na noite do venres un bolo nocturno.
Alí estarán Yolanda Castaño, Luis Alberto de Cuenca, Luisa Castro, Pedro Ramos e Fernando Marías para encher de poesía o local nunha posta en escena que titulan “Os fillos de Mary Shelley”. O coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández, sinalaba que a feira incorpora ao programa a iniciativa privada.
A Fundación Telefónica patrocina unha exposición adxunta ao que son os postos de libros e El Corte Inglés está detras de dous actos en torno á literatura. Fernández destacaba o esforzo de todos por levar a flote unha festa das letras cando nunha crise, “unha das primeiras bofetadas recíbea a cultura”.
Neste caso, o feito de que cada vez máis editoriais se sumen ás feiras permite congregar a todos os axentes activos do sector en vez de facer, por unha parte, salóns e por outra, actividades da mesma natureza que a que comezará a rodar este luns: “Hai que ir á pluralidade”, comenta o experto.

Expectativas > En canto a previsións de vendas, o representante é optimista. Das sete feiras celebradas ata o momento en Galicia, a que tivo lugar en Ferrol foi a única que non aprobou o exame. Agás Santiago, que repetiu con similares cifras ás do ano pasado, as outras cinco obtiveron maiores beneficios polo que calcula que a de A Coruña entrará neste grupo por ser a máis concurrida de Galicia.
Ademais, o evento conta co aliciente de ver en persoa ás mellores plumas do país. O incombustible Neira Vilas estará o luns, ás 20.45, con “Penúltimo dietario”. Unha hora antes, o escritor de Gres asinará exemplares de todos os seus libros. Agustín Fernández Paz falará o martes, ás 20.00, de “Non hai noite tan longa”, publicado por Edicións Xerais, e Manuel Rivas estará o mércores, a partir das 19.00, para participar nun acto que xirará arredor de “Todo é silencio”, xunto a un acordeón chamado Rómulo Sanjurjo e coa presenza do editor Manuel Bragado.
Os pequenos poderán desfrutar o xoves da lectura narrada de Inacio, gañador do Premio Barriga Verde 2010 con “Fábula galénica”, que escribiu para ser representada por monicreques. Ás 20.30, Galaxia presentará “Cociñando ao pé da letra”, con Yolanda Castaño e Andrea Costas. Juan Bolea paseará o venres a súa novidade “La melancolía de los hombres pájaro” (Martínez Roca) e a ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares o sábado dun libro de Rosalía para nenos, “Parece unha rosa”, dentro dun programa que vai do local ao universal nun tris.


 

A Feira do Libro acada o seu 40 aniversario con 77 escritores convidados á celebración