Un campo de experimentación auténtico

Un campo de experimentación auténtico
O mural “Las Carretas” era o favorito de Seoane xunto co de “El nacimiento del Teatro Argentino”

Quizais é a parte máis descoñecida de todas as disciplinas que tocou co seu talento pero non a menos importante porque os murais foron para Luís Seoane un gran formato no que experimentar e facer deles un trasvase de cara á pintura. Se ademais se ten en conta que o coruñés loitou pola non disgregación das artes, o feito de facer nun e outro soporte non é máis ca prolongación da mesma impronta nunha soa. Onde a cor adquirirá un papel protagonista e as formas simplificaranse.

 

A Fundación Seoane presenta en “Luís Seoane. Murais”, a obra muralística do artista na que convida ao espectador a viaxar até Arxentina a través de 75 fotografías e 62 bosquexos. Porque é en Bos Aires onde descansa a maior parte dos murais, o centro desempolva toda a documentación previa. Cando Seoane xoga nos preámbulos a confeccionar o que vai ser o groso do mural e as instantáneas falan do proceso.

Neste aspecto, as imaxes teñen vital importancia xa que achegarán ao curioso á forma de traballar que tiña o creador. Para acabar con outras fotos que certifican o estado actual das pezas no outro lado do Atlántico. Desde o primeiro encargo do que se ten constancia no café La Casa de la Troya en 1941, terán que pasar dez anos para que a admiración dos arxentinos polo xeito de facer de Seoane se traduza nunha producción intensa que non cesaría até que o autor colle o barco de regreso a Galicia.

Luís deixa a súa pegada no barrio de Belgrano e nas galerías comercias da rúa Santa Fe despois de adicarlle tempo á concepción do mural como parte integrada dentro da arquitectura. Como el mesmo di “o artista debe acompañar ao arquitecto ou enxeñeiro na súa obra”.

E o que para moitos creadores pode ser un obstáculo na súa obra, para Seoane os elementos de cada construción supoñen un campo de experimentación tanto nos materias como no emprego da cor. Seoane comeza con caseína e xoga cos planos nos primeiros para recibir a afronta de facer o mural “El nacimiento del Teatro Argentino”, no Teatro Municipal San Martín de Buenos Aires, en 1957, que exemplifica a integración das artes que el persegue porque se distribúe entre dous andares e Seoane é quen de crear un universo por grupos de figuras sen que ningunha delas destaque por riba das outras.

 

lapis e estarcido

Ademais, os murais destacan pola cantidade de técnicas que utiliza. Nos seus bosquexos, emprega o lapis e o estarcido e unha vez coas mans na masa, Luís decántase polo traballo artesanal e usa cerámica, ferro, baixorrelevo, mosaico, mármore e bronce, materiais que mestura con técnicas do século XX coma soldadura plástica para unir vitrais. Seoane é mosaico en “El libro de Ruth”, realizado en 1955 para o Banco Israelita do Río da Plata; resinas sintéticas e cerámica en “Las Carretas”, de 1956, o seu mural favorito que está ubicado nun edificio particular; e ferro e bronce en “Homenaje a Guamán Poma de Ayala”, de 1960. Todo o acadado en grandes dimensións repercutirá na plástica que acaba por esquematizar.

En canto á temática, o autor aproveita cada ocasión que ten para recoller un cachiño de Galicia en cada peza libre. Sen non está atado a peticións concretas, Seoane fala da malla e do azul do Orzán. Comparte os pescadores que salpican a costa galega porque o mural é arte de exterior que ten a misión de involucrar a espontáneos. En plena rúa.

 

Un campo de experimentación auténtico

Te puede interesar