“A desaparición do Códice é a punta do iceberg dun proceso de esquilmación da cultura galega”

|

El Ideal Gallego-9999-99-99-999-0b090567

entrevista de marta garcía márquez

O mesmo Castelao colleu un día o lápiz para explicar con palabras o que debullaba no papel: “Prantaron un arboriño e protexéreno de estacas... pero o arboriño secou e as estacas prenderon”. Sinala Felipe Senén que non se trata de ser estaca, senón de velar para que a árbore non apodreza; pero no caso do patrimonio galego, os poderes públicos andan preocupados por adornar o vexetal con bisutería barata namentres as ponlas comezan a secarse sen que ninguén se decate. A desaparición do Códice é simplemente a punta do iceberg.


—Atopámonos nun momento en que o patrimonio se tambalea coa perda do Códice Calixtino. Que hipóteses baralla?
—A non ser que sexa un enfermo coleccionista para uso persoal, cousa que non creo, a min inicialmente e sendo optimista, quero pensar que é unha chamada de atención sobre o estado da cuestión do patrimonio cultural de Galicia. A triste realidade deste patrimonio que é fundamentalmente da Igrexa é que non ten as medidas de seguridade que requiren estes tempos de crise e por tanto de inseguridade. Non quere dicir que non teñan un sistema antialarmas. Quere dicir que o sistema antialarmas ten que estar controlado por seres humanos e aí falta a cuestión de persoal cualificado e técnico que caracteriza a un país moderno e contemporáneo. Eu creo que a desaparición do Códice Calixtino é a punta do iceberg dun proceso que vén de moi atrás e que ten que ver coa esquilmación integral da cultura galega.
—E se fora un coleccionista o culpable da desaparición do Calixtino?
—A min gustaríame crer que isto foi un golpe de chamada de atención ou un despiste. Non creo que sexa o mercado de antigüedades, que está moi controlado. Pode que sexa o caso de enfermos que están moito na literatura e aos que lles gusta gozar das obras en individualidade. Curiosamente Compostela está de moda dentro dos best sellers que mesturan argumentos de tipo policial e esotérico. Ou pode ser unha chamada de atención dos nacionalistas ante o día da Patria Galega. A Pedra do Destino é un símbolo para os escoceses importante que desapareceu nos anos 50 da abadía de Westminster e logo apareceu en Escocia. Foi un acto reivindicativo dos nacionalistas escoceses. Eu noto que aínda non se asumiu a importancia que conleva a desaparición do Códice Calixtino e a importancia que ten a catedral.
—Parece que canto máis se ten, menos se lle dá importancia.
—Por que cres ti que hai tantas tendas de compra-ouro? Quen controla iso? Que lexislación se aplica para o control que pode haber aí? O ouro caracterizou a Galicia desde a contemporaneidade, con pezas da prehistoria, de carácter relixioso, que traían os indianos, etc. Non quero contarche como nos anos 60 naceron traficantes de ouro interpretando dunha forma moi sui generis o Concilio Vaticano II e vendendo imaxes de diversas épocas.
—Máis o patrimonio que está agochado e que non se sabe.
—Sobre isto hai algo que me preocupa e que lle preocupaba ao meu mestre, Chamoso Lamas, co que colaborei, que é o tema dos conventos de clausura, que teñen un gran patrimonio interior que non se ve. Antes estaban ocupados por monxas moi sensibles e coñecedoras do patrimonio que custodiaban. Fixéronse algúns museos, precisamente, por iniciativa de Chamoso Lamas como o das Clarisas de Monforte de Lemos, pero hai moitos que teñen valiosísimas obras. Levaríamos sorpresas.
—Non están inventariadas?
—Pois non. Hoxe están custodiadas por monxas que proceden de África e América que descoñecen isto e entonces desaparece e está sen ningún tipo de control como pode ser o patrimonio mesmo que garda o exército, que non é tan accesible como os demais.
—Hai moitas pezas valiosas do patrimonio galego que están perdidas?
—Poderíase facer un catálogo de pezas de Galicia que están noutras coleccións e que foron inicialmente cesións temporais pero que ao final quedaron permanentemente. Non existe aínda ningún inventario e son pezas de todas as épocas, desde a prehistoria ata a contemporaneidade, que ningún goberno nunca reclamou porque tamén foron vendidas. Por exemplo, está o Cristo gótico que había na igrexa de Santiago que se cedeu para unha exposición en La Rábida co tema de Colón e alí segue ou a imaxe do Cristo tamén gótico de O Cebreiro que está no Museo de Escultura de Valladolid. Hai torques de Galicia repartidos polo British Museum, na colección Lázaro Galdiano ou no Arqueolóxico de Madrid, e respecto aos coruñeses, hai un códice precolombino, o Códice Tudela ou Coruña, que apareceu en A Coruña e que a familia Bermúdez de Castro entregou ao museo de América. Despois están os regalos que se fixeron por exemplo á familia Franco como figuras procedentes do contrapórtico da Gloria ou a desaparición e logo reaparición de placas de Limoges da arqueta de San Martiño da catedral de Ourense, xunto á cantidade de pezas que proceden de Mondoñedo e que descansan en Londres. É de lamentar que nos últimos anos se desguazaran coleccións importantísimas como a Blanco-Cicerón, que foi subastada nunha galería en 1997, sendo a maior parte das pezas compradas a moi baixo prezo polo mercado inglés, mentres que as políticas de goberno se dedicaban a caprichos e a virtualismos que son moi atractivos momentaneamente pero que teñen que estar en función do patrimonio moble e inmoble. É lamentable o estado de Sobrado dos Monxes. Vanse caer esas torres e moitas das igrexas que se promocionan turísticamente e que logo están pechadas nun estado de abandono terrible.
—Todo isto a pesar de que o país conta cun gran foco de atracción turística como é o Camiño.
—Nunha época de crise, un recurso fundamental é o turismo e o turismo que vén a Galicia e que fai un Camiño de Santiago é moi culto e non se lle saca o proveito que se lle debía  sacar. Chema Ríos e eu estamos descubrindo cousas como que os Beatles pretendían a finais dos sesenta facer o Camiño. Pero logo ti o fas e a entrada en Santiago é terrible con fábricas e galpóns que se debían dignificar porque o Camiño é un tesouro que pasa por diante da casa e no Inglés  atravesas autovías. O camiño está despreciado. Como exemplo tamén está o “chiringuitismo” predominante no entorno da Torre, que non hai onde facer as cousas, tendo como ten un gran edificio que ben podería ser o centro de recepción de visitantes. Isto chámase xestión cultural e forma parte dese círculo harmónico que ao fin e ao cabo define a un país culto e sensible.

 

“Molina tivo unha política coruñesista que eu creo que lle custou o cargo”

El Ideal Gallego-9999-99-99-999-0b1bc55aFala de César Antonio Molina como un Merlín que premeu o botón de Patrimonio da Humanidade para que a Torre seguise tendo luz nun país no que a pedra e o verde abundan.
—¿Falta unha conciencia de país?
—A conciencia hoxe de país é conciencia de identidade, e quen a ten, ten conciencia de diferenciación e distinción, que é o recurso que vence nun mundo que cada día se globaliza máis. Isto teríano que entender os políticos cando a Cidade da Cultura é coma un piano que non funciona se non hai bos pianistas. Onde non hai creadores, non funcionan as cousas. E vas alí e non tes onde tomar nada, pasa como na Torre, so ves a carcasa dun monstro que non alberga nada cando o Códice Calixtino merecería un museo para el como o que ten o Códice de Kells, en Dublín. O mesmo documento daríanos o guión para o seu itinerario: a historia da peregrinación, os lugares por onde pasa, as lendas e quen o fixo, cando todos os camiños se non levaban a Roma, levaban a Compostela.
—Parece que as actuacións de Patrimonio son, nalgúns casos, moi puntillistas, pero logo vense barbaridades na paisaxe como, por exemplo, unha gasolineira no mosteiro de Samos.
—Hai caciqueos. O artículo 46 da Constitución di que os poderes públicos garantizarán a salvagarda e a custodia do patrimonio cultural dos pobos de España. Quenes son os poderes públicos que teñen esa responsabilidade? O máis inmediato é o Concello para o coidado e mantemento, se non pode ten que acudir ás Deputacións que para algo están e que debían de ter certas responsabilidades, e logo por conseguinte a quen hai que alertar é á Xunta, sobre todo, nun tema como o da seguridade. Eu marchei de San Antón porque non podía responsabilizarme do que podía pasar.
—Demasiado protagonismo para os Científicos, quizais?
—Agora prima máis o tema virtual. Cando estaba eu en San Antón, a Casa das Ciencias, que ía para museo de arte contemporáneo, tiña un presuposto de 220 millóns de pesetas e eu tiña un de 19 millóns. Está moi ben, pero a historia tamén é ciencia da arqueoloxía e quen educa e maleduca son os medios de comunicación e así acaban saindo “Berlusconis” e “Beléns Esteban” porque promocionan esas cousas. O humanismo é o que estamos contando aquí. O resto é o McDonalds. En Galicia non somos conscientes do que significa isto. Danlle un martillazo á Piedade ou a Gioconda e, puf! Isto é igual. É un atentado como contra o Pórtico da Gloria. Vale moito máis o Calixtino que Messi. É a fonte e a xustificación do Camiño, a primeira guía turística e se queres científica moderna cando Galicia rivalizaba con Roma e competía con Borgoña, Provenza e Aquitania.
—Saían galegos estes días nos telexornais que non sabían da existencia de tal peza.
—O dramático é que logo na Cidade da Cultura non saben o que poñer. Tamén é certo que eu estudiei na Universidade de Santiago e vou á facultade e dáme vergonza por como está ou o propio Concello coas pezas de reloxes. Despois pasa que non ves obras nos museos de Galicia porque as teñen nos seus despachos os da Xunta e eu pregúntome con que tratamento museolóxico. Hai unha conselleira que tiña a mellor obra de Tino Grandío no despacho e presumía e gustáballe.
—Conseguiuse a distinción de Patrimonio da Humanidade pero a Torre e o seu entorno apenas melloraron.
—O Patrimonio foi unha vella teima, primeiro da Real Academia de Belas Artes que logo a tomou José Luis Vázquez “Manito” e Pardo-Ciórraga a través do Instituto de Estudios Torre de Hércules, que foron incansables ata que apareceu o mago Merlín que foi César Antonio Molina e que tivo unha política coruñesista e incluso galega que eu creo que lle custou o cargo e iso hai que recoñecelo. Esa é a historia pero o que pasa é que non se conta así porque vivimos nun país de caciques. Molina fixo unha política cultural como nunca se tivera e se non hai que mirar as iniciativas que naceron nese momento en detrimento doutras que había por Andalucía.  
—Unha das cousas que reivindica sempre é a dignificación da casa de Pablo Picasso.
—Para facer un museo e dignificar a Picasso tes que ter espazos de desafogo e niso está a asociación Pablo Picasso e Ángel Padín. Esa casa debía ser Ben de Interese Cultural para protexela integralmente dentro dun conxunto que é a rúa Paio Gómez. Esa amplitude serviría para recepción de visitantes con todo o que conleva: a tenda, o espacio expositivo e logo conservada co seu espírito, a casa onde viviu Picasso. Outra cuestión é a Fábrica de Tabacos, da que levaron todo e non deixaron nada.



antigo cárcere novos usos

 

O entorno da Torre está totalmente ‘chiringuitizado’”

O museólogo sube por ela unha vez por semana, cando vén un novo grupo de alemáns que non poden tomar café nin facer pis en preto de 500 metros á redonda porque a Torre está falta dunha recepción de visitantes que harmonice o seu entorno, unha calcomanía perfecta de como está o país. “Chiringuitizado”.
—Cal cre que sería o uso máis apropiado para o vello cárcere?
—Creo que o cárcere dá para todo pero debe de estar en función do seu contexto inmediato que é a Torre, cun entorno que está totalmente “chiringuitizado” e que habería que conservar ao natural, sen intervencionismos como os que se lle fixeron de farolitos con esmaltes e tranviitas e as bisuterías que nos levaron á crise. O curioso é que parece que volven outra vez.
—Cales son as deficiencias que ten a Torre de Hércules?
—Cada semana vou con grupos de alemáns e non podes parar porque non teñen onde facer pis nin onde tomar café. Hai unha recepción que non se sabe para que é e outra máis arriba. Terrible. Nese centro de recepción de visitantes estaría tamén o museo da Torre porque non podes musealizar o faro. Non é un museo porque se ti subes, non podes pararte a ler os carteis, se non estás acumulando o tráfico que vén detrás túa, ademais de que atornillaron papeis nas pedras. Eu viaxo por todo o mundo e a cultura tamén é saber copiar o inventado.

“A desaparición do Códice é a punta do iceberg dun proceso de esquilmación da cultura galega”