True Mountains | “Apenas publicamos nada e a xente xa se anima a colaborar no crowdfunding”

True Mountains | “Apenas publicamos nada e a xente xa se  anima a colaborar no crowdfunding”
True Mountains actuarán o sábado na Mardi Gras

Tras dous traballos en acústico, só cunha guitarra e un contrabaixo, True Mountains dá o salto ao eléctrico, adquirindo un baixo e unha batería para o seu novo disco, “Electroshocking”, que presentarán, tal e como explica Iván Pérez, na Mardi Gras o vindeiro sábado.

 

A que se debe este cambio ao formato eléctrico tras anos en acústico?

O cambio debeuse á inquietude persoal, porque nós na banda sempre tentamos deixar os complexos atrás e facer o que nos pide o corpo.  A min, o que me pediu pasar ao formato acústico, no seu día, foi a oportunidade que che dá tocar nun formato reducido cancións que se sosteñen simplemente a voz e guitarrae onde o peso se enfoca máis na mensaxe, que no adorno que pode haber detrás. O que me apetecía agora, o que me suscitaba novas ideas á hora de compoñer, era pensar en que tiña unha batería, que tiña un baixo... como novas posibilidades sónicas. O que nos levou a iso foi a inquietude. Para nós é refrescante.

 

Continúan a apostar polo crowdfunding.

Como banda independente, foi unha ferramenta xenial dende o día un e a xente tómao como unha maneira de autoxestión moi factible. É unha forma de dicir “se ninguén quere o disco, non o vou facer”. Penso que lle dá un valor máis real ao que teñen as cousas porque fas pensar que “se non axudamos é imposible que se faga”.  

A gran herdanza que me deixa True Mountains foi poder verme tocando en institutos para rapaces ou e bibliotecas para os avós e para os seus netos

Como foi ese apoio?

Tivemos moito apoio, xa no primeiro disco, antes de ter publicada ningunha canción, a xente xa estaba comprando o álbum, comprando camisolas... que nin sequera sabían como ían ser. Nese aspecto sentímonos moi apoiados. Neste foi igual, apenas publicamos nada e a xente xa se animou a colaborar, sabendo que era un formato novo, que non ouvira antes.  

 

A volta ao eléctrico, afectou ao proceso creativo da súa música?

Claro, no proceso de composición, digamos que as ideas son miñas e que, entre todos, acabamos por darlle forma. Ideas que veñen de viaxar por aí, de cousas que che fan click na cabeza... Durante meses vas cociñando esas ideas. Para min, é moi interesante ver a Nacho pasar do contrabaixo ao baixo, que en termos de son e de musicalidade foi algo moi guai. Eu tamén, adoitaba a darlle todo o rato á guitarra, pero agora podo deixar de darlle un rato e a banda se sostén musicalmente coa batería e o baixo.  

 

Como foi a orixe de True Mountains?

Chegou un momento no que eu quería comunicar coa miña música e quería facelo dun xeito máis sinxelo, que me permitira tocar máis a miúdo e facelo máis fácil, collemos a guitarra e o contrabaixo e podemos tocar en calquera esquina. Unha vez pasaron os anos, unha das cousas que me deixou de por vida na mochila, foi a oportunidade de tocar en sitios fóra do sistema tradicional de concertos, fóra dun horario atado ao consumo de sustancias. A gran herdanza que me deixa foi poder verme tocando en institutos para rapaces ou en bibliotecas para avós e os seus netos.

True Mountains | “Apenas publicamos nada e a xente xa se anima a colaborar no crowdfunding”

Te puede interesar