SADA - “En catro anos baixou moito a calidade nos servizos; hai que retomar a boa liña de 2011”

El Ideal Gallego-2015-11-22-020-2aeeebc2
|

Miguel Tenreiro volve ao Goberno local. Faino ocupando o oco deixado tras a marcha de Blanca Vázquez, que por non poder compaxinar o seu traballo no Concello coa súa actividade privada deu paso ao seguinte da lista de Sadamaioría. Míchel, como así o coñecen en Sada, ocupará, tras a recente remodelación dalgunhas áreas do Executivo, a Concellería de Obras e Servizos e Administración Local, a mesma que liderou na súa anterior etapa, cando militaba nas filas do BNG –partido que abandonou, xa na oposición, en 2012, deixando a súa acta de edil– e o alcalde era Abel López Soto.

Como se atopou estes primeiros días, máis de catro anos despois de deixar o Goberno e tras tres anos sen pertencer á Corporación? 
Ben, bastante ben, a verdade. Ademais, como vou levar o mesmo departamento, todo fáiseme moi familiar. Iso agradécese. É unha materia que xa traballei e xa me puxen con algúns proxectos que quedaban por facer.

Agora que di iso, notou que o Goberno local anterior –do PP, con Ernesto Anido á fronte–, deixou moitos deberes sen facer enriba da mesa? 
En servizos, por exemplo, baixouse moitísimo a calidade. En xardinería, en limpeza viaria... Notamos un baixón importante nese sentido. Cando deixamos o Goberno en 2011 estabamos nunha liña boa e en catro anos baixou. Hai que retomalo. Con isto non digo que se vaia a solucionar todo dun día para outro, pero a todo iso que notamos hai que porlle remedio.

Como afronta esta etapa? Está ilusionado? 
Claro, como non. E iso que pensei que o meu ciclo no Goberno estaba xa rematado. Pero cando chegou o momento de presentarse ás primarias de Sadamaioría, fíxeno por responsabilidade, porque me fai moita ilusión traballar polo meu pobo.

Considera que a súa marcha do BNG e a súa saída da corporación, en 2012, produciuse pola porta de atrás?
Non, nin moito menos. Foi unha decisión dalgúns compañeiros, que decidimos irnos (outra das concelleiras, María Xosé Carnota, foise tamén, do mesmo xeito que outros membros máis da lista, como o actual alcalde, Benito Portela, todos eles para Anova). Pero considero que a saída foi do máis correcta.

Que relación ten co resto do goberno? Con algúns xa coincidiu na anterior etapa, ben no Executivo ou ben nas listas...
Moi boa. Por exemplo con Raquel (Bolaño, do PSOE), xa tiven moi boa sintonía a outra vez, así que non vai haber problema nin con ela nin co resto.

Non teme que o feito de que sexan tres partidos poida motivar algunhas disputas?
Sempre hai cousas, pero coa ilusión que temos todos, o mandato sairá ben e sen problemas entre nós.

O feito de que haxa xuventude no Goberno é un valor engadido?
Sen dúbida. En todos os sitios onde estiven, desde que fun con Manolo Crisanto, tentouse facer partícipe aos mozos. Creo que isto tamén o valorou o pobo.

Algún reto político para estes anos?
O saneamento. É un tema moi importante. Necesita moito investimento e dependes doutras administracións, pero estos temas, que non se ven, son fundamentais.

SADA - “En catro anos baixou moito a calidade nos servizos; hai que retomar a boa liña de 2011”