“O que non vai facer o Bloque é prometer 4.000 postos de traballo como fixo o alcalde”

15 octubre 2013 / 25 febrero 2014 página 19 Arteixo.- Silvia Seixas, Voceira do BNG Arteixo
|

Silvia Seixas é a candidata do BNG á Alcaldía de Arteixo. Ás propostas por parroquias suman unhas medidas urxentes.

Cales son os piares do programa do BNG ?
Temos unha serie de medidas urxentes, que son importantísimas en emprego, servizos sociais, servizos públicos e participación da cidadanía no Concello.

Que medidas propoñen para reducir a taxa de desemprego?
Tendo en conta a complicada situación laboral e as limitacións dos concellos, o que non vai facer o BNG é o que fixo o alcalde e prometer 4.000 postos de traballo. Sabemos que iso é vender unha moto que non é real. É importantísimo manter o contacto coas empresas de Sabón para que contraten ou dean prácticas aos veciños, cunha bolsa subvencionada polo Concello. Non se entende que non haxa un ciclo formativo de téxtil, por exemplo. O Punto Emprega para asesorar a persoas que levan moitísimo tempo desempregados e para xente de entre 40 e 50 anos, e exixir ás empresas que fan obras para o Concello que contraten a persoas de Arteixo.

Que cambios faría en Servizos Sociais?
Temos que ter en conta que en 2011 se gastaron 72.000 euros en axudas de emerxencia e en 2014, 180.000 euros. Da conta de que as políticas do PP afectan directamente á xente. Servizos Sociais necesita unha reorganización. Hai que diferenciar entre as persoas que son usuarias porque teñen problemas para chegar a fin de mes, e aos que veñen por cuestións como discapacidades, actividades, problemas de accesibilidades...  As traballadoras atenden todo, e é un dos motivos polo que está colapsado, é un problema de dirección política. Ademais, hai que garantir o anonimato dos usuarios.

Falaba de servizos públicos, refírese á recuperación deles?
Comprometémonos a intentar recuperar os servizos privatizados. Xa pedimos o rescate do servizo de axuda no fogar. Pero hai máis servizos privatizados que cremos que hai que recuperar porque teñen moita máis calidade se son públicos e as condicións dos traballadores mellorarían moito, pero non é só iso: eu creo que por exemplo, non pode haber un só neno de 0 a 3 anos cos recursos que hai e o que se malgasta que non teña praza na escola, o BNG quere ampliar o servizo de comedor a toda educación obrigatoria, e incluso no verán para os temas de conciliación. Un servizo de canguros, porque hai pais que aos seus nenos enferman ou non hai escola e non teñen con quen deixalos.
   
Vostede denunciou a falta de transparencia e participación, que propon para mellorar?
Primeiro radio municipal con participación de todo o mundo, páxina web con toda a documentación municipal, os plenos ás oito da tarde e retransmitidos en directo pola web e a radio, cando se fan obras nas parroquias hai que ir as parroquias, explicar, dicir o que custan e ver se é realmente necesaria, ver o que queren os veciños para os orzamentos e con convocatorias públicas. Hai que activar os consellos de participación cidadá, e en todos os plenos haberá un punto de debate, aínda que non sexa estritamente de votación, que afecte aos veciños.
 
Se o BNG goberna, que política de gasto de concelleiros terá?
Cremos que é un concello grande polo que ten que haber dedicacións, ou unha persoa que axude ao alcalde. Pero, é unha barbaridade o gasto corrente, que pasou de 200.000 a 500.000 euros có PP, e hai algúns concelleiros que   non sabemos a que se dedican. Se hai un xefe de prensa, por que hai dous secretarios?  A min que alguén me diga que fixo o concelleiro de Urbanismo, que non foi capaz de aprobar de maneira inicial o PXOM, e en Carballo, en catro anos aprobouse definitivamente. O de Medio Ambiente, a de Asuntos Económicos... A xente ten que ver si cumpriu, e por enriba, incrementan o gasto con postos de funcionarios a dedo, e todo iso cos nosos cartos, cando Arteixo é dos municipios cunha maior presión fiscal. Cada veciño paga 200 euros máis ao ano que Carballo, por exemplo.

Entón, propoñen unha rebaixa dos impostos?
Hai que revisalo, porque hai xente que paga o lixo cando o contedor está a dous quilómetros, se fala de recollida diaria que non é. O imposto de rodaxe que é máis caro, hai que revisar a ordenanza da auga e o saneamento, non pode ser que se penaliza por igual ao pequeno comercio que ás grandes empresas.

Se o BNG ten que pactar, con que partido sería?
Non o consideramos, hai candidatura con máis afinidade, pero o único partido de esquerdas e nacionalista é o BNG. Logo está unha dereita civilizada que é o PSOE e unha extrema, que é o PP. O que ten claro o BNG é que calquera negociación será pública, e incluso, se fai falta votarase na praza a man alzada, farase, que o BNG nunca tivo medo a iso. Pero, gustaríanos ter a oportunidade de gobernar, porque estou segura que despois nos seguirían apoiando, porque xa o demostramos noutros concellos.

“O que non vai facer o Bloque é prometer 4.000 postos de traballo como fixo o alcalde”