Milleiros de páxinas editadas pola RAG dende 1906 serán accesibles a través dun novo portal web

Juan Montenegro, Nélida Cosme, Victor Freixanes e Henrique Monteagudo tras a presentación do portal web | Quintana

A historia das letras galegas cumpre un novo hito coa publicación de milleiros de páxinas editadas pola Real Academia Galega (RAG) dende o ano 1906, que se poden ler a través do novo espazo web que a institución deu a coñecer onte.

Trátase dun portal que foi concibido para facilitar, non só a consulta aos usuarios, senón tamén o acceso directo a un importante número de títulos. O portal, publicacións.academia.gal, permite consultar o catálogo de monografías propias, saídas do prelo dende o ano da inauguración da propia RAG, ata a actualidad. En total, máis de 350 volumes, 200 dos cales xa están dispoñibles para a súa descarga gratuita.

O novo portal foi presentado onte polo presidente da RAG, Victor Freixanes; o secretario, Henrique Monteagudo; e os responsables dos departamentos de publicacións e informática, Nélida Cosme e Juan Montenegro.

“Con esta nova web, a Real Academia Galega avanza no compromiso coa promoción do acceso universal ao seu patrimonio aproveitando as tecnoloxías da información e da comunicación”, salientou Freixanes.

Os discursos de ingreso na RAG de persoeiros como Castelao, Antón Villar Ponte ou Álvaro Cunqueiro; antoloxías sobre as Irmandades da Fala; ou os volumes da colección sobre toponimia Terra Nomeada son algúns dos textos accesibles a través desta web.

O novo portal súmase á das publicacións periódicas da RAG, que dá acceso aos 379 números do Boletín editados dende 1906, a Cadernos de lingua e La Tribuna, a revista de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

A institución anunciou tamén que agarda aumentar, proximamente, o número de títulos propios dispoñibles a través da súa nova plataforma.

Programación cultural

Ademáis, no día de onte, o presidente da RAG tamén mantivo un encontro co seu homónimo na Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que asinaron un novo convenio.

A través deste documento, a Deputación acorda financiar a programación cultural da RAG durante o presente ano. O Goberno provincial achega así 60.000 euros, un 80% do orzamento que a Academia inviste na súa programación, que inclúe actividades como os cursos de verán de lingua “Galego sen fronteiras” ou as actividades expositivas da casa museo Emilia Pardo Bazán.

Milleiros de páxinas editadas pola RAG dende 1906 serán accesibles a través dun novo portal web

Te puede interesar