Carballo e Universidade da Coruña cumpren nove anos traballando a prol da lingua

Carballo e Universidade da Coruña cumpren nove anos traballando a prol da lingua
A concelleira de Normalización Lingüística co alcalde carballés, o reitor coruñés e o técnico do SNL marema

O novo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, visitou onte por primeira vez o Concello de Carballo para asinar o convenio de colaboración que permitirá que a capital bergantiñá acolla un ano máis un novo Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística “Traballando en lingua”.
A iniciativa chega xa á súa duodécima edición, as nove últimas con sede na vila carballesa dende o ano 2008, que volverá a acoller a nova programación a próxima semana, o mércores 6 e xoves 7 nas instalacións do Fórum.
O encontro coordinado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ten sempre por obxectivo analizar e mellorar o uso e o prestixio do galego nun sector determinado, centrándose nesta ocasión no sector socioeconómico e empresarial, “para analizar a situación da lingua e buscar puntos de mellora para o seu uso neste ámbito” como explicou na presentación o técnico do SNL carballés, Nel Vidal, quen avanzou que o programa iniciarase o mércores 6 cunha sesión matinal dirixida ao alumnado inscrito pero aberta tamén ao empresariado, na que o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, dará a coñecer o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico para o periodo 2015-2020, analizando o seu estado, as accións e as medidas previstas, con intervención tamén do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Dieter, para falar da lingua como valor positivo de identificación empresarial, seguido logo da exposición de experiencias que destacan nese sentido como é o caso das marcas R, Deleite e Todo Lar, que viron o uso do galego como un valor engadido nas súas empresas. O resto da programación desenvolverase dun xeito más técnico e específico para os alumnos participantes (unha media de 50-60 en cada edición, con prazo aberto aínda ata o luns 4), con relatorios e experiencias entre a tarde do mércores e toda a xornada do xoves.
O reitor desexou a continuidade desta relación entre Concello e UDC “sobre todo cun tema tan importante como poñer en valor un tesouro que temos como é a lingua, que deber estar presente en todos os sectores”, mentres que o alcalde carballés sinalou que “os bos costumes hai que conservalos”, animando a seguir traballando “na mellora e necesaria normalización da lingua”.

Carballo e Universidade da Coruña cumpren nove anos traballando a prol da lingua

Te puede interesar