Reportaxe | Máis de tres décadas fomentando a paixón pola música tradicional en Arteixo

Reportaxe | Máis de tres décadas fomentando a paixón pola música tradicional en Arteixo

Veñen de celebrar o seu 35 aniversario e gozan dunha saúde envexable no que a participación e fomento da tradición se refire. A Asociación Xuvenil Xiradela é un exemplo de que a música folclórica galega tamén pode ter arraigo entre a xente nova. 
A agrupación, nacida en 1982 no Alto de Arteixo, fai canteira e conta actualmente con máis de cen nenos na súa escola de música e baile tradicional. “Empezan aos tres anos e non temos límite de idade, aquí conviven persoas de diferentes xeracións, hai señores de 80 anos tocando o acordeón con nenos pequenos bailando”, apunta o presidente da asociación, Manuel Aldao, quen recoñece que o número de rapaces anotados fluctúa cada ano “en función das modas”, pero nas últimas campañas lograron manter o tipo nas diferentes disciplinas que imparten: danza, pandereta, canto, gaita, percusión e acordeón. “Por aquí xa pasaron varias xeracións, avós, pais e agora os fillos, iso tamén tira e os pequenos tentan seguir os pasos dos pais”, indica.
O xerme de Xiradela, segundo amosan as imaxes antigas que locen nas instalacións da agrupación –desde fai un ano opera no recinto de Agarimo–, foi no ano 80 na praia de Repibelo, unha idea entre amigos que se xuntaban para tocar e cantar. Agora xa contan con 340 socios.
Día da Muiñeira
Xiradela ultima xa os detalles do XXXI Día da Muiñeira, un evento que terá lugar mañá, domingo, nas rúas do centro de Arteixo e que congrega cada ano a centos de persoas. Sen ir máis lonxe, o ano pasado inscribíronse 40 grupos pertencentes a 15 asociacións, 428 participantes en total. “Ese día non nos chega a rúa peatonal de tanta xente que somos”, comenta Aldao.
Por outra parte, o día 17 de xuño celebrarán a habitual cerimonia de fin de curso, onde todos os grupos exhibirán no anfiteatro de Arteixo o aprendido durante estes meses. O instrumento estrela, di Aldao, é a pandereta, e hai ensaios de todas as disciplinas de luns a venres. Tamén algún sábado, especialmente agora que se achegan as exhibicións de fin de curso e as festas das parroquias, nas que adoitan tocar os numerosos grupos da asociación.
Recollidas
Ademais das clases de música e danza, Xiradela levou a cabo unha tarefa cun valor etnográfico incalculable, as súas famosas “recollidas”, saídas a distintos lugares de Galicia para gravar muiñeiras e cantarelas de persoas maiores. “Dixitalizamos esas pezas e así puidemos aprendelas e difundilas, se non quizais terían desaparecido en canto morresen os velliños”, apunta Aldao, que recorda unha anécdota cun mozo de Sofán, en Carballo, a cuxo avó Xiradela lle fixera unha gravación. “Agora ímoslla mandar en CD, o seu avó morreu pero el quere conservar ese arquivo”, sinala.
Xiradela medra ano tras ano e son “unha gran familia”. “Xa tocamos con Dulce Pontes e con Carlos Núñez, fomos ao festival de Lorient... E moitos exalumnos nosos están agora con recoñecidos artistas do panorama da música galega, como Quique Peón ou Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre”, conclúe Manuel Aldao. Por outros 35 anos de folclore en Arteixo.l

Reportaxe | Máis de tres décadas fomentando a paixón pola música tradicional en Arteixo

Te puede interesar