Marina Mayoral defende no seu ingreso na RAG que “toda Rosalía está nos seus versos publicados”

O acto de ingreso de Mayoral na RAG tivo lugar no salón de actos | p.g. fraga
|

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou onte na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a súa intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E este xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos. “El construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”.
Pero, salienta, o acto de Murguía de acabar coa correspondencia que conservaba dela foi en van porque todas as facianas da autora están na obra que deixou publicada e que chegou aos nosos días: “Destruíunas (as cartas) crendo que destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón”.
Mayoral, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a intervención recordando escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos: a casa de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez de Santiago; a Universidade de Santiago de Compostela; a casa familiar de Mondoñedo, onde viviu cos pais e a avoa –“a onde quer que eu vaia, van comigo”–; ou as páxinas do xornal no que colabora desde hai tres décadas. Por último agradeceu á RAG o nomeamento: “Desde hoxe, teño un lazo máis con Galicia, esta casa, que respecto e admiro”.
Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron na Compostela de finais dos 50, recordou tamén a súa traxectoria investigadora, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu a Marina Mayoral en nome de toda a Academia o seu discurso e deulle a benvida á institución. l

Marina Mayoral defende no seu ingreso na RAG que “toda Rosalía está nos seus versos publicados”