Unha festa para vivos e mortos

El Ideal Gallego-2011-05-14-014-eacac944

  Reportaxe de marta garcía márquez

Día internacional dos museos “baixo as estrelas”

Fóra silencio. Dentro animación, obradoiro, mostra e arte en vivo. Os museos e galerías son hoxe unha soa voz alta e forte co fin de que a impronta que vén das distintas artes teña unha maior repercusión. Se ben as casas museos farán revivir aos personaxes que viviron nelas, os centros expositivos prolongarán o seu horario ata medianoite para rachar coa solemnidade que adoitan a ter a diario.
O ruído apodérase hoxe dos cadros que conforman a colectiva “De Libros y De Artistas”, que inaugura Coleccionan, ás 21.00 horas, para o que contarán con quince artistas que crearán unha obra en directo. Ana Vilaseco ofrecerá, ás 18.00, un taller para nenos sobre a cor, da man das pezas de Nico Muera. Belas Artes programará, ás 20.30, unha visita guiada polos edificios que custodian o museo e a súa historia e levará a arte polo jazz, ás 21.30, con Quinito Mourelle e Roberto Somoza.
Os obxectos do centro recobrarán vida, ás 22.30, para contar como chegaron ata alí, mentres que a galería 9THE13 abrirá ao público a mostra de Yolanda Relinque, quen acabará de montar en vivo as súas instalacións.
Todos os que se pasen por Arga-Primeira Planta poderán deixar a súa pegada a modo de saúdo e debuxo e ás 21.00 os presentes brindarán con cava. Tamén deixarán a súa marca persoal os que se acheguen a Alen Klass nun gran mural.
A Fundación Caixa Galicia organizará actividades continuas no terceiro piso arredor da pintura de Amelia Peláez. Deste xeito, os pequenos serán trasladados ata o Caribe e contrastarán o modo de vida dos da illa co que se respira nesta punta do Atlántico. A galería Monty4art sacará as artes a rúa nun obradoiro, onde participarán os creadores Santiago Caneda e Victoriano Fernández, que experimentarán cos nenos sobre a cor.
O colectivo Mano Izquierda fará que os cativos interveñan nas cabezas de maniquís e Mariola Romero deixará que os participantes esculpan a súa propia escultura, nunha xornada na que Ánaga porá a música que invite á acción.
Pola súa parte, o Macuf propón para hoxe un paseo pola súa colección permanente a través de vídeos-guía, unha actividade que se desenvolverá durante todo o verán. A Fundación Barrié recollerá en imaxes toda a súa traxectoria expositiva e revisará algunha das mostras que máis repercutiron na mirada curiosa baixo o título de “Museos y Memoria”, co que os distintos centros queren dar unha volta polo pasado para situarse no tempo presente.
É así como a nai de Picasso resucitará no seu piso de Payo Gómez, ás 18.00, para contar as aventuras que acontenceron entre esas paredes cando o pequeno Pablo xogaba a pintar o Orzán. Pardo Bazán animará na rúa Tabernas a participar nun taller de chapas, ás 18.00, e nun obradoiro de Tammorriata, unha danza procedente do sur de Italia.
A súa vez, Casares Quiroga convidará a nai de Picasso, a María Pita e a Dona Emilia a tomar un café e a revivir as súas experiencias no que será, ás 19.30, o primeiro encontro de personaxes históricos.

“Brancas” > Ademais, un equipo de artistas de distintas disciplinas protagonizarán pola tarde a actividade “Brancas”, atendendo a un lenzo en branco que encherán ao longo da xornada con danza, teatro e cabaré, da man de Nelson Quinteiro.
A súa posta en escena pasará por Méndez Núñez, a praza de Pontevedra e as casas museos de Pardo Bazán e María Pita para rematar en Panaderas, na de Casares Quiroga. Haberá música diante do Kiosco Alfonso, coa actuación, ás 19.00, do grupo de jazz da Escola Municipal.
O teatro estará presente a modo de fragmentos de obras como “A noite vai como un río”, a cargo da aula de teatro do Fórum e na casa museo de Casares Quiroga; ou “In-Comunicando”, pola Compañía Mequetrefes na Pardo Bazán, que acollerá tamén números de clown pola noite.
O CGAI proxectará a película “La Coruña, la ciudad en la que nadie es forastero”, de Ramón Sáiz, incidindo na importancia de recuperar a memoria para voltar a realidade con visitas guiadas polas tripas do Concello, ás 20.00 e 22.00, e ás do Rosalía, ás 21.00.
A Fundación Seoane fará repensar ao pintor coruñés e a Torre de Hércules e os Museos Científicos non cobrarán entrada a partir das 18.00, nunha festa á que todos están convidados. Vivos ou mortos.


 

Unha festa para vivos e mortos

Te puede interesar