Os libreiros coruñeses sacan os volumes a pasear nos xardíns de Méndez Núñez

Os libreiros coruñeses sacan os volumes  a pasear nos xardíns de Méndez Núñez
Os afeccionados á lectura poderán coñecer as novidades ata o luns susy suárez

 A Festa do Libro fixa como base do campamento os xardíns de Méndez Núñez. Alí fican desde onte dez librarías coruñesas co fin de sacar a pasear as principais novidades editoriais xunto aos clásicos e os títulos difíciles de conseguir. As dez infraestruturas desafiarán ao mal tempo ata o luns, día oficial do libro, co fin de erguer o voo nesta tempada invernal que sitúa como estrelas do mercado a última de Eduardo Mendoza “El enredo de la bolsa y la vida”, “La canción de los maoríes”, de Sarah Lark, e “Crímenes exquisitos, de Vicente Garrido e Nieves Abarca, unha novela de suspense con toque coruñés, non so pola co autora senón polo escenario no que se abordan os feitos.

Deste xeito, o lector poderá gozar dun paseo agradable a carón dos volumes que responden á narrativa e á poesía, pero tamén á banda deseñada, coa presenza de Alita Cómics e Tanxencias, ademais dunha libraría especializada en viaxes como é 7 Mares. Nos Cantóns, un poderá coquetear co bestseller e achegarse a outras editoriais que traballan con propostas de calidade na sombra. En A Libreira, Maricarmen Fernández diríxese a un lote de tomos aos que lle ten un cariño especial porque quizais non lle foi fácil facerse con eles. Alí están algúns do poeta ruso Maiakousky ou o que escribiu un tal Pulitzer sobre o periodismo. Bocatto di cardinale.

A especialista destaca xoias como “Tatuaje”, de Tanizaki, por aquelo de que as ilustracións e a edición coidada fan unha máis ca doce dixestión das letras, que tamén se ocupan dos nenos con dous títulos a ter en conta: “¿Qué hacen los niños?”, por iso de que afonda na picardía dos cativos e enumera todo o que acostuman a facer os pequenos en estado salvaxe, e “El libro de los libros”, que ofrece ao que presume de dentes de leite todas as premisas para construír un libro de seu.

Asimesmo, Manuel Lodeiros, de Áncora, saca do gran mostrario de publicacións unha en concreto. Titúlase “El abuelo que saltó de la ventana y se largó”, de Jonas Jonasson, e trata sobre a historia dun ancián que non está disposto a soprar cen velas coma se fora un vexetal e fuxe dos seus para retratar de paso o século pasado e falar de cando estivo na CIA e deu en contactar con Franco.

Dous pasos á dereita, 7 Mares saca da chisteira “El hundimiento del Titán”, que ben podería pasar pola historia do Titanic se non fose porque foi escrito catorce anos antes. Curiosamente, di a libreira, coincide en moitos dos feitos. Neste espazo adicado ao xénero viaxeiro son moitos os que se achegan para preguntar sobre publicacións acerca de sitios concretos, a maioría de Oriente Medio. E Nueva York. A máis demandada.

Nada que ver co que presentan en Nós, onde Rosi e Elena apostan pola novela negra moi negra. Un exemplo é “1983”, de David Peace, que foi entregando por anos a historia dun caso real. Xunto aos puntos suspensivos, o libro de cociña das mañás da Primeira e a novela para adolescentes “Canciones para Paula”, de Blue Jeans, espertan a curiosidade dos que teñen afección polos fogóns e os que están en plena revolución hormonal. Un boom, este último, que brotou en internet e pasa agora á escrita.

En canto á literatura galega, Couceiro oferta o “Diccionario de refráns” por 9,90. Os paseantes poderán facerse cos ditos que teñen raíz neste país clasificados por temáticas. Outra das novidades titúlase “Pysbe”, de Edicións do Cerne, e fai referencia á compañía bacallaeira asentada na cidade. O volume contén decenas de receitas para preparar este peixe nas que esixen que o bacallau sexa Pysbe. Nunha feira no que todas as compras teñen un 10% de desconto. De 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00.

Os libreiros coruñeses sacan os volumes a pasear nos xardíns de Méndez Núñez

Te puede interesar