“Non buscar solucións para Sada sería egoísta, e por iso presentome ás eleccións”

“Non buscar solucións para Sada sería egoísta, e por iso presentome  ás eleccións”
El Ideal Gallego-2015-05-22-018-7702a7c3

Xosé Lois Suárez Becerra, coñecido na localidade como Liss, ten a difícil misión de suplir á fronte do BNG a quen fose alcalde e que levou dúas veces consecutivas á formación nacionalista a ser a máis votada nas eleccións municipais en Sada, Abel López Soto. Para logralo, non dubida en eloxiar ao renovado equipo que presentan este ano e móstrase optimista en repetir ese fito por terceira vez.

Despois de case tres anos como concelleiro, converteuse en candidato á Alcaldía. Como o afronta?
Partimos dunha convocatoria de hai catro anos onde fomos os máis votados, como gañadores, e asumimos ese reto con responsabilidade. Así, a campaña afrontámola como gañadores, pero necesitamos que ese apoio sexa aínda máis grande, porque o que se mostrou hai catro anos é que somos responsables tanto no goberno como na oposición. Somos a única alternativa fiable polo que demostramos. Coa verdade podemos chegar a calquera lugar. O cambio é realmente necesario, imparable e o BNG para iso é imprescindible.

Cando decidiu que quería ser cabeza de lista?
Cando os meus compañeiros da agrupación decidiron que había que empezar a traballar niso. Sabiamos que Abel (López Soto) xa non se presentaría e desde aí puxémonos a funcionar. En canto vin que se pedía renovación e compromiso, actuei en consecuencia.

A situación actual de Sada animoulle tamén a presentarse?
Son comerciante e a situación é desesperada. Para min o comercio non está morto, senón durmido, o problema é que non se fixo nada en catro anos para mellorar a vila. Anido só preocúpase polo seu interese persoal, mira sempre polos seus amigos da Coruña. Non se fixo nada por aliviar a crise en Sada. A min dóeme moito esta vila, nacín aquí. O equipo que temos é forte e representa o traballo. Non buscar solucións para Sada sería egoísta e por iso preséntome.

Ese equipo está moi renovado, con xente moi nova no primeiro tramo. Era necesario?
Os 21 da lista foron elixidos en asembleas nas que participou a cidadanía, mesmo por máis xente que non era militante que os que si o son. Representamos a todos os sectores. A nosa forza reside en que temos a experiencia de xente que tivo responsabilidades no goberno e na oposición e todos xuntos sairemos adiante. Ademais, por sorte, esa xente que garante a renovación axudará a darlle a Sada ese obxectivo de unión. Se non, non hai futuro.

O reto de volver ser o máis votado non é nada fácil...
O obxectivo é gañar as eleccións. O día a día bríndanos unha lectura, que non é outra que a de que existen dúas opcións: ou o PP, ou nós. A xente ten que pensar se quere ao PP, que representa a corrupción, a imputación, os intereses personalistas, o muro infranqueable entre os cidadáns e a administración...; ou se quere ao BNG para ter unha Sada na que se fagan todas as propostas da sociedade, e que constitúen o 80% do noso programa, un goberno responsable e cun alcalde que escoite á xente. Ou o goberno que defende a ilegalidade, o PP, ou o que defende a legalidade e as noticias boas nos medios, como o BNG.

Que opina dese descenso xeneralizado en intención de voto que acusa o seu partido?
Nós non renunciamos ao pasado porque non temos nada que esconder. Temos unha traxectoria de 20 anos á beira da xente. Podemos cometer erros e recoñecémolos, porque sempre temos a vontade de facer as cousas ben. No obstante, respectamos as enquisas e o traballo que se realiza nese eido. É unha pedra de toque, pero cada unha debe ser interpretada no seu contexto. En Sada imos aos datos. Temos un crecemento progresivo desde fai dúas eleccións e vemos que temos posibilidades de gañar. Anido vese perdedor.

Seguen apostando por que goberne a lista máis votada?
Por suposto. Ademais, pensamos que imos ser nós. As eleccións son un plebiscito e, nesta ocasión, máis que nunca. O que non vai haber é maioría absoluta. Por tanto, se algún busca unha formación con cintura para asumir retos, debe ter claro o seu voto: o BNG. Asumo o compromiso de sentarme cos portavoces de todos os grupos para chegar a acordos.

Cal sería a primeira medida?
A aprobación do PXOM buscando medidas de consenso. É unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento de Sada.

Danaralles a aparición de Sadamaioría, con exmembros do BNG?
Eu estou moi cómodo coa chaqueta que levo posta. Os que non o estean, que expliquen o porqué. No BNG estamos máis unidos que nunca e non escondemos as siglas coas que nos presentamos. Estamos moi orgullosos de pertencer a esta organización. Durante estes últimos catro anos non sabemos onde estaban outras formacións que aparecen agora por Sada. Pero a xente é suficientemente intelixente para reflectilo nas urnas. Todo o que non sexa votar ao BNG é favorecer á dereita.

Fíxolle dano a Sada o pacto entre PP e PDSP e a súa posterior ruptura?
Son leas de familia e aí non me quero meter. En 2011 fixeron un pacto e sumaron os votos necesarios. Eles saberán a quen entregaron eses votos, porque ao terceiro ano saltou todo polo aire.

Cre que se volvería a repetir ese pacto?
Temos claro que a dereita se porá de acordo para que non goberne a esquerda. Nós só pensamos en favorecer a Sada, aos que nos voten e aos que non. Eu, se me teño que sentar co resto, buscarei unha idea, que é a de Sada, Sada e Sada. Iso é o que nos ten que unir a todos.

A palabra clave parece ser a de consenso. O cidadán cansouse das maiorías absolutas?
Engadiría compromiso. E é o que lle digo, o fundamental é unir a todos a prol dun obxectivo común. E nós seremos xenerosos. n

“Non buscar solucións para Sada sería egoísta, e por iso presentome ás eleccións”

Te puede interesar