“Internacionalizar o grao de Economía era un vello desexo para atraer alumnos doutros países”

“Internacionalizar o grao de Economía era un vello desexo para atraer alumnos doutros países”
Anxo Casal é o decano da facultade con maior número de estudantes na Universidad javier alborés

O decano da facultade de Economía e Empresa, a de maior número de alumnos de toda a Universidad de A Coruña, celebra a a internacionalización do grao de Economía, no que o 40% dos créditos impartiranse a partir deste ano en inglés, coa atracción que isto supón para a captación de alumnos procedentes doutros países.

¿Como foron os primeiros días do novo curso?
Con total normalidade, como todos os comezos de curso. Estamos bastante satisfeitos porque engadimos unha liña máis na nosa oferta educativa co grao de Economía en inglés. Non totalmente, solo o 40% dos créditos, pero creo que contribúe para reforzar a idea de internacionalización que ten a universidade.

Esa liña de internacionalización é un dos alicerces da universidade e esta novidade supón un avance para unha das facultades máis importantes.
Por alumnado somos o centro máis grande da universidade e iso ten un incentivo moi interesante. Permítenos captar estudantes de alto rendemento e somos unha facultade que pode avanzar nese proceso de internacionalización facendo dobres graos con outras universidades do Espacio Europeo de Educación Superior. Era un vello desexo internacionalizar o grao de Económicas para atraer estudantes internacionais, principalmente dos que proveñen de programas de mobilidade como o Erasmus.

¿Ter nas súas mans a facultade con maior número de alumnos supón un reto engadido?
Andamos polos 2.600 alumnos en total e supón unha responsabilidade adicional, pero a responsabilidade non recae solo sobre as miñas costas. Afortunadamente hai un equipo decanal que asume o reto e unha facultade co profesorado e o equipo administrativo que está na mesma sintonía. Sería moi difícil ter retos desta magnitude un só, é un proxecto colectivo de toda a facultade. Tamén está o apoio do persoal administrativo e de servizos e de alumnos que actúan como mentores, que contribúen a que este proxecto continúe adiante.

Sorprende tamén que é un dos poucos centros nos que hai paridade no número de homes e mulleres entre os estudantes.
Sorpréndeme porque incluso pensaba nalgún momento que había máis mulleres que homes entre o alumnado. O que reflicte é que no mundo da empresa afortunadamente vaise implantando esa idea de igualdade. Se miramos os índices de inserimento laboral, deben estar moi parellos. É un motivo de satisfacción non solo para o decano, senón tamén para o conxunto da sociedade.

¿Que outras novidades ten a facultade este curso?
Temos outro fito importante xa que sairá a primeira promoción do dobre grao de Turismo e Empresariais. Somos un centro moi orientado ás dobres titulacións, temos tres. A de ADE e Dereito ten moito arraigo e moito éxito no campo do inserimento laboral. Logo está a de Turismo e Empresariais, que xa está no último curso e sairán os primeiros titulados e, finalmente, está arrancando o terceiro ano de Arquitectura Técnica e Empresariais, que cando se recupere a actividade no sector da vivenda comezará a coller folgos. Tamén estamos moi orgullosos do noso dobre grao coa universidade de South Wales en Cardiff.

¿O futuro pasa polos dobres graos?
Supón facer unha oferta interesante para un perfil determinado de alumno con alto rendemento académico que ten a capacidade de simultanear graos, que é facer dous ó mesmo tempo. Desaproveitaríamos o potencial destes alumnos se non se ofrecesen e deben formar parte da oferta dos centros que se queren posicionar na vangarda do ensino universitario. Son un compoñente moi asentado nas universidades de referencia e na facultade de Empresa e na Universidade da Coruña a aposta é por consolidar os plans para novas simultaneidades pola incerteza que existe respecto a normativa universitaria. Non sabemos como quedará o debate de tres máis dous anos, catro máis un... Está facendo moito dano porque ninguén se atreve a dar pasos para reformar os plans de estudo actuais nin a propoñer novas iniciativas. Canto antes se resolva será mellor.

Outro punto importante son os graos internacionais.
Temos un coa Universidade de Gales do Sur, que é un dobre grao de Administración e Dirección de Empresas orientado aos estudantes que forman parte do grupo plurilingüe en ADE. Tiven a ocasión de participar no acto de graduación no pasado mes de xuño en Cardiff e fixemos unha valoración e están encantados cos nosos estudantes e estes, cando volven, din que a experiencia foi magnífica. Temos conversas con outras universidades non solo para internacionalizar os graos, o obxectivo a medio prazo é buscar un partner internacionalizar para facer un dobre grao con Economía e tamén cos nosos mestrados. Estamos en contacto con universidades francesas e unha norteamericana para que nos MBA teñan esa dimensión internacional.

¿E novidades nos mestrados?
Acabamos de asinar un convenio coa UNED para que os estudantes que cursan o mestrado de Banca e Finanzas poidan ter unha formación complementaria a través dun curso online para que obteñan o certificado ESPA de recoñecemento no sector bancario e financeiro.

¿Como ve o cambio ás novas reválidas coa Lei Lomce e a influencia que teñen respecto ás universidades?
O primeiro que teñen que facer é poñerse de acordo sobre como se establecerá o sistema de acceso á universidade. Participei nunha conferencia de decanos e foi o tema monográfico. Debido o parón no Ministerio hai un despiste moi grande e teremos que poñernos as pilas porque isto chegará en oito meses e temos que ter un sistema funcionando. A miña percepción é que está todo o mundo a velas vir porque non se están dando consignas dende a autoridade xa que está en funcións e están xestionando o día a día. Supoño que nos próximos meses haberá algún movemento pero hai que esperar.

“Internacionalizar o grao de Economía era un vello desexo para atraer alumnos doutros países”

Te puede interesar