A Xunta destaca o legado intelectual e o compromiso de Eduardo Blanco Amor

A Xunta destaca o legado intelectual e  o compromiso de Eduardo Blanco Amor
El Ideal Gallego-2014-12-02-025-075caef7_2

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, participou onte na inauguración das xornadas que teñen lugar en Ourense con motivo do 35 aniversario do pasamento do escritor Eduardo Blanco Amor.
Durante a súa intervención, Vázquez loou a figura de Blanco Amor, ao que cualificou de “inmenso intelectual e creador”, e destacou que o espírito da súa obra sigue aínda vixente hoxe en día, como se manifesta no éxito da recentemente estreada película “A Esmorga”, de Ignacio Villar.
O conselleiro de Cultura subliñou a “potencia” e a “brillantez” lingüística deste escritor que se manifesta na lingua coloquial propia dos personaxes das súas historias. “Blanco Amor é toda unha literatura”, reflexionou o conselleiro, quen engadiu que “fixo de Ourense –tras a Xeración Nós– a cidade máis literaturizada do país”.
Así mesmo “como ourensán e como conselleiro de Cultura e Educación” Vázquez expresou os seus parabéns ao Centro PEN Galicia, á Deputación de Ourense e ao Liceo pola organización destas xornadas, que durante tres días congregarán a especialistas en torno á obra e á figura de Blanco Amor.
Trala intervención do conselleiro, as xornadas continuaron cun relatorio do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, baixo o título “Tres incursións na vida e na obra de Blanco Amor: Manuel Azaña, García Lorca e a socolingüística”.
Os actos conmemorativos no día de onte completáronse coa presentación do libro “A moneca de Blanco Amor”, de María Xosé Queizán, e cunha actuación musical a cargo de María do Ceo, con Xavier Vaz ao piano.
As xornadas continúan durante hoxe e mañá con mesas redondas onde os expertos afondan na obra de Blanco Amor e nas lembranzas dos seus amigos.
Doutra banda, onte pola mañá o conselleiro de Cultura e Educación participou nunha ofrenda floral diante da campa do escritor, no cemiterio de San Francisco, que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, do director do PEN Galicia, Luís González Tosar; do director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e de Siro López, entre outros.
As xornadas que onte se iniciaron enmárcase no conxunto de actividades que a Xunta vén apoiando ao longo deste ano para render homenaxe a Eduardo Blanco Amor, tales como a estrea a pasada semana da película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, para a que a Consellería de Cultura e Educación, a través de Agadic, fixo unha achega de 335.000 euros en concepto de axudas á produción ou coprodución audiovisual en lingua galega con marcado contido artístico e cultural.
Con motivo do aniversario do pasamento de Blanco Amor, está prevista tamén a edición, en colaboración co diario “La Región”, dunha compilación dos escritos do autor publicados no xornal.
Por outra banda, tamén se traballa na recompilación da correspondencia que distintos persoeiros enviaron a Blanco Amor e que se atopa na Biblioteca Provincial de Ourense.

A Xunta destaca o legado intelectual e o compromiso de Eduardo Blanco Amor

Te puede interesar