O xulgado decreta o sobresemento da investigación polo nomeamento dun funcionario municipal vigués

|

O xuíz de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento e arquivo das actuacións no procedemento no que estaban a ser investigados os concelleiros do goberno vigués Ángel Rivas e Francisco Javier Pardo, e os funcionarios Francisco Javier G.O. e María D.G., polos supostos delitos de prevaricación, nomeamentos ilegais e malversación de caudais públicos.

Segundo confirmaron fontes xudiciais, tras a toma de declaración dos investigados, incluídos os concelleiros (que compareceron este martes), o maxistrado entende que "as irregularidades administrativas non teñen encaixe na vía penal".

Nesta causa investigábase a comisión de supostos delitos en relación co nomeamento de Francisco Javier G.O. como xefe da área de Participación Cidadá (mediante acumulación de funcións, posto que xa era xefe da área de Desenvolvemento Local e Emprego).

Inicialmente o maxistrado sinalou que había indicios de delito na acumulación de funcións (co consecuente complemento salarial) en favor de Francisco Javier G.O., porque non se acreditou a necesidade ou urxencia de tomar esta decisión que, por outra banda, foi proposta polo propio funcionario.

No entanto, e a pesar de que haxa supostas "irregularidades administrativas", o titular do Xulgado de Instrución número 4 sostén que as eventuais responsabilidades por esas actuacións non deben dirimirse na vía penal.

(HABERÁ AMPLIACIÓN)
 

O xulgado decreta o sobresemento da investigación polo nomeamento dun funcionario municipal vigués