Do letraset á tecnoloxía como ferramenta amiga en 27 anos de espazos

Do letraset á tecnoloxía como ferramenta amiga en 27 anos de espazos
El Ideal Gallego-2018-12-06-036-7fbe1ee9

Xosé Cobas vén de presentar “Caderno de momentos”, un volume editado pola Deputación, no que concentra 27 anos na institución seguindo o seu instinto para compoñer deseños gráficos, que beberon tamén da ilustración e a pintura: “Hai unha ósmose entre as tres porque o meu imaxinario abarca todo ese ámbito de creación” e ten o seu xérmolo na súa infancia en Negreira. Aí conectou por vez primeira coa creación na maneira de ler e nos xogos que tamén influíron no proceso, nun eido basicamente rural, pero esa convivencia co verde, cos xogos, coa paisaxe e as estacións fixo que aprendera a ver a cor, “esas atmósferas que están presentes no meu traballo”. 

O libro lanza unha mirada ao mesmo tempo á historia da arte pola utilización de recursos plásticos e por referencias dos que colle retais e que van desde Goya aos impresionistas ou os de máis acolá: “A cuberta do libro respira do supretamismo, que sempre está moi presente dentro da miña obra porque o estilo contempla o silencio dos brancos, como metáfora da ausencia”. Cobas barniza toda a cuberta con esta tonalidade e “unha liña de cor lévanos a contracuberta”. 

Porque no deseño gráfico se trata de buscar unha linguaxe distinta “aínda que traizoes códigos establecidos”, o artista repensou a forma de chegar ao público e se ten que elixir entre o feito, quédase coa cartelería dos premios da Deputación, “algo que me motivou porque me deron sempre liberdade na búsqueda. Teño que dicir que nunca tiven cortapisas, algúns condicionantes nada máis e iso agradécese moito”. 

Aparte dos premios, están as coleccións “das que estou satisfeito”, a de grandes pintores como Datas, Granell, Lugrís Vadillo, Díaz Pardo... a colección de poesía, que recolle os premios González Garcés, unha edición moi coidada e os de teatro Rafael Dieste”. 

Xosé Cobas xubilouse en marzo. Agora se dedica a proxectos propios que espera sacar adiante e para os que por fin ten tempo, “algúns deles iniciados desde hai anos”. Antes de deseñador, foi pintor, pero o deseño gráfico enganchouno: “sempre se fixeron cousas marabillosas”. Hoxe coa tecnoloxía como amiga, antes a man e con letraset. “Todo ten o seu aquel”, asegura Cobas.

Do letraset á tecnoloxía como ferramenta amiga en 27 anos de espazos

Te puede interesar