Rodrigo Caamaño | “Nós non fomos nunca de centro nin quixemos chegar a todo o mundo”

Estarán o sábado ás 22.30 horas para repasar os temas máis míticos desde 2004
|

O triángulo amoroso volta o sábado ao Playa Club cos vértices máis bizarros ca nunca.

Veñen a tocar a casa coa disculpa de dar unha volta polo pasado. Mellor imposible, non?
Si, é moi especial porque demos por concluído a xira de “Salve discordia” e voltamos a casa para facer cousas que non soemos facer. Abandonarnos á nostalxia e a tempos pasados para desfrute de todos. Levamos dous anos sen parar e temos outros plans, pero antes imos descansar.

Xa están considerados uns veteranos da escena, senta ben ou non vos gusta a etiqueta?
Levamos once anos xa, veteranos espero que non porque soa como a vello. Pasou o tempo sen darnos conta e levamos catro traballos, pero estamos como o primeiro día. Moitas das cancións que tocábamos hai dez anos fan que nos encontremos con nós mesmos. A distancia fai que digas, “antes facíao así” e está resultando un exercicio enriquecedor porque retomas cousas olvidadas. Así que cada disco é como o primeiro. Tratamos sempre de desconectar co anterior.

Como cambiou a música neste tempo?
Houbo cambios, pero non tanto, sobre todo, o que virou foi a tecnoloxía porque cando empezamos no modelo antiguo, empezou a funcionar “Myspace”, a primeira plataforma enfocada na música. En cuestión de estilos, non creo que cambiase. Segue habendo moitas modas que van e voltan como o transcorrer normal.

Algo, o das modas, no que nunca caeron.
Non, nós ao final facemos o que nos apetece, xa vimos tanta moda pasar que tocamos máis alá do que se leve.

Esa actitude é a receita do éxito?
Iso non sei se é extrapolable aos demais, pero a nós nos funciona porque todo depende da resposta do público e a proxección dos medios e tamén da sorte. Se o noso primeiro se publicara noutro momento, igual non tería o efecto que tivo, que se puxo de repente en primeiro plano. Son moitas cousas, pero o máis saudable para a cabeza é centrarse no que sabes facer.

Contan desde o ciclo “Retroalimentación” que ao principio, tiñan moitos detractores.
Tiñamos moitos detractrores e eran moi intensos, pero non menos cos nosos fans. O peor que te pode pasar cando empeces é quedar sepultado, pero iso non nos pasou porque cando tiñamos nada máis que unha maqueta estabamos na boca de todos e co disco, xa pasou todo iso. O gran público escoitou un produto terminado e non os principios do grupo. A maior parte non nos viron tocar ese primeiro traballo, por iso que o do sábado é unha oportunidade para que vexan esas cancións. Cando fas unha banda, tes que saber que te van a dar por todos lados. Nós non fomos nunca de centro nin quixemos chegar a todo o mundo. Facemos o que nos gusta sen máis, Escoitamos cousas que non son populares, e iso vese reflectido no que facemos. Queremos divertir e as críticas sempre as tomamos con moita comedia.

E despois do parón?
Temos cancións novas, así que pasaremos un par de meses descansando para retomar a vida normal do grupo e preparar o seguinte disco. Hai moitas ideas.

Cando empezaron, xogaban á ouija para compoñer. Seguen practicando esta técnica?
No primeiro, si usamos a ouija no taller electrónico, pero perdeuse no momento en que tes unha metodoloxía. Aquilo era unha festa continua e creativa, calquera cousa nos valía para compoñer.

Rodrigo Caamaño | “Nós non fomos nunca de centro nin quixemos chegar a todo o mundo”