Patricia Amado | “Apostaremos por máis obradoiros de emprego porque a inserción laboral está sendo moi boa”

Patricia Amado | “Apostaremos por máis obradoiros de emprego porque a inserción laboral está sendo moi boa”
A concelleira de Promoción, no Centro Arteixo Innovación | javier alborés

A concelleira de Promoción e Desenvolvemento de Arteixo, Patricia Amado (Chamín, 1974), prepárase para unha das épocas máis importantes do ano no municipio, xa que as praias e os diferentes eventos lúdicos e deportivos congregarán miles de persoas. Por outra parte, amósase preocupada pola taxa de paro e traballa por continuar realizando accións de fomento do emprego.

Acaba de recoller en Baiona as banderas azuis. Arteixo é líder neste ámbito, que actuacións está levando a cabo o Concello para poñer as praias a punto?
Arteixo é o segundo municipio galego con máis bandeiras, tras Sanxenxo. Hai posta a punto das praias desde principio de temporada, coa recuperación de arenais tralos desperfectos do inverno e o repintado de sinais, aínda que este ano non houbo moitos temporais. Intervimos en todas e contratamos os socorristas, incluso puxemos en marcha un plan municipal de formación, porque hai un problema coa falta de socorristas. Dos quince que formamos, catorce empezan a traballar este verán nas nosas praias. E melloramos os accesos, coa subvención do ano pasado da consellería de Turismo, en Repibelo, Valcobo e O Reiro,.para facilitar a entrada de persoas con discapacidade con rampas. Ademais, todas as nosas praias teñen aparcadoiros, 3.800 prazas en total.

Barrañán, pese á bandeira azul, segue coa zona da ría prohibida ao baño por verquidos de fecais.
Os análisis dan mal por eses verquidos, que son puntuais e pequenos, pero que son desde algunha casa e é complicado saber de onde veñen, habería que puntear vivenda por vivenda. Non son perigosos pero para a bandeira azul ten que dar cero.
 

Como agarda o verán en termos de ocupación e visitas?
Se o tempo segue así, serán datos moi bos. De feito, xa a primavera rexistrou números interesantes e as praias estiveron cheas, especialmente o pasado fin de semana. A oferta hostaleira, ademais, está aumentando, sobre todo na zona da praia de Barrañán, onde van abrir novos locais, o que é moi positivo. A maiores, o noso Sendeiro Azul, que tamén ten bandeira da Xunta, e todos os acontecementos que ocorren en verán fomentarán a chegada de visitantes.

O Autocross, que xunta máis de 10.000 persoas cada agosto no Campionato de España, é unha das citas fortes do ano.
Ese é un dos máis multitudinarios, pero tamén temos o Día do Deporte na Rúa, que se celebra hoxe, as festas populares do verán, Casas Novas...

Cales son os atractivos que publicita Arteixo?
Precisamente, a hípica de Casas Novas, as praias, os campos de golf e os diversos lugares para aquelas persoas que prefiren o campo á praia. Temos multitude de espazos naturais para facer sendeirismo, escalada ou outras actividades, así como áreas recreativas onde pasar o día en familia. Sisalde, Os Barreiros, O Seixedo e Monticaño son áreas onde desde as oito da mañá hai xente gardando mesas para comer alí e mesmo en Sorrizo estamos rexistrando visitas, agora que contamos cunha pérgola, un parque infantil e un pequeno campo de fútbol. Hai xente que non quere area e tamén ten sitios para o lecer en Arteixo. Tamén están tendo moito éxito as rutas xeolóxicas, das que ata agora se fixeron tres polo litoral.

Había queixas porque os baños do Seixedo permanecían pechados hai unas semanas. Xa están abertos?
Si, xa están en funcionamento desde hai días.

Segue promocionándose o turismo industrial, tal e como se fixo hai uns anos?
Aquilo foi un proxecto da Deputación para Ferrol e algunhas zonas da Coruña, pero non chegou a levarse a cabo. Está claro que Arteixo é un referente a nivel industrial por Inditex, que xera visitas, pero non é o turismo que máis se dá aquí. Tamén temos que entender que Arteixo é unha zona de paso á Costa da Morte.

Canta xente pasa cada ano pola oficina de turismo local?
Arredor de 2.000 persoas, sen contabilizar todos os que paran a preguntar pola ubicación de recintos como a hípica nos días dos grandes premios.


Sobre que adoitan preguntar alí?
Normalmente, sobre as praias, o surf e locais para comer, pero tamén por áreas recreativas ou zonas de senderismo e escalada.

O BNG propón crear unha área para autocaravanas. É factible?
É unha idea moi positiva que se está estudando, é unha proposta que tamén nos chegou por parte do Autocross Arteixo e do concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro. Un dos sitios que barallamos é unha finca ao carón do campo de fútbol de Sabón.

En que lugares se está a promocionar Arteixo?
Xunto coa Deputación da Coruña, estase promocionando en todas as feiras e eventos nos que participa, tanto a nivel de España como de Europa, hai nada estivemos presentes en Londres. Tamén, grazas ao noso irmandamento coa vila lusa de Vilanova de Famalicao, estamos tanto na súa oficina de turismo como na de Vilanova de Cerveira e intercambiamos información turística con eles, así como con Balboa, no Bierzo. E, por suposto, nos concellos que forman parte da Reserva de Biosfera As Mariñas e Terras do Mandeo. En calquera caso, intercambiamos información con toda aquela oficina que nolo solicita.

Algunha acción promocional á vista para este verán?
Todas as concellerías traballamos un pouco en conxunto neste ámbito e si que vai haber promoción nas praias a través da concellería de Xuventude e Deportes.

Están envorcados co tema do emprego e acaban de entregar os diplomas dos cursos de formación.
Acaba de rematar o Arteixo Integra 2016-2017, no que a inserción laboral foi dun 60%, un resultado moi positivo, e seguiremos apostando por estos programas. Hai un curso que destaca, o de atención sociosanitaria, porque dos quince alumnos que o fixeron, 14 xa están traballando a día de hoxe. Tamén os cursos de camareiro funcionan moi ben e teñen moita saída. Piden moita xente para limpeza e mozo de almacén.

Afirma que hai unha colaboración estreita coas empresas para fomentar a inserción laboral.
Están confiando na labor que se fai desde o departamento, tanto na bolsa de emprego como nas orientadoras e demandan xente. Hai unha demanda moi alta.

Haberá temáticas novas nos cursos da campaña que vén?
Un dos que máis nos sorprendeu foi o de agricultura ecolóxica, que continuaremos. Esa é unha aposta clara tanto pola miña parte como por parte do Goberno local, a busca de alternativas no rural. Sacarlle partido tanto a nivel turístico como de cultivo de produtos ecolóxicos, moi solicitados nestes tempos. Nestes cursos axudamos a xente que xa se estaba dedicando a isto e tamén a xente doutras culturas, o que beneficia a integración social.

Algúns dos alumnos dese obradoiro xa emprenderon negocios.
Si, e temos outro proxecto en mente, que sería unha cooperativa de envasado de produtos. Cultivalos nun pequeno viveiro do concello e envasalos. É unha idea a medio prazo, faltan moitos detalles por limar.

Cal é a taxa actual de paro no municipio arteixán?
Ronda o 13%. A prioridade do Goberno é reducilo ao máximo e hai que agradecer a colaboración das empresas, xa que son elas mesmas as que nos demandan os perfís que necesitan e iso nos axuda a marcas as nosas liñas de traballo. Tamén estamos en contacto directo e continuo coa Asociación de Empresarios de Sabón. As industrias tamén colaboran con nós coas prácticas, os alumnos fan os obradoiros e empezan a traballar alí.

Tamén ofrecen orientación.
Temos orientadores e axentes de desenvolvemento local, que achegan información para a busca de empleo, a formación que ten máis saída ou a creación dun negocio, entre outras cousas.

Patricia Amado | “Apostaremos por máis obradoiros de emprego porque a inserción laboral está sendo moi boa”

Te puede interesar