A Xunta investirá en eficiencia enerxética e melloras nos xulgados máis de 4 millóns

A Xunta investirá en eficiencia enerxética e melloras nos xulgados máis de 4 millóns
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é un dos edificios incluidos nas actuacións de mellora para o vindeiro 2017

A Xunta ten en marcha o Plan de Eficiencia Enerxética e Obras Menores dos edificios xudiciais, a través do cal investiranse máis de 4,1 millóns de euros entre 2016 e 2018 para continuar mellorando as condicións dos xulgados galegos.
Concretamente, o investimento en aforro e eficiencia enerxética será de 3.149.336 euros -o 80 por cento con cargo ao Feder- mentres que as obras menores están valoradas en 1.018.410 euros, que achegará a propia Consellería de Presidencia, Administracións e Xustiza.
No que se refire ás medidas de aforro e eficiencia enerxética, as actuacións previstas abordarán tres ámbitos fundamentais: mellora da envolvente dos edificios, instalación de sistemas de calefacción e climatización máis eficientes e mellora da iluminación das oficinas.
O primeiro bloque comprende actuacións sobre o illamento de cubertas, fachadas e fiestras, entre outros elementos; o segundo a instalación de sistemas de climatización nos edificios que o requiran e a substitución de caldeiras que empregan combustibles fósiles por outras que empreguen combustibles menos contaminantes, en especial a biomasa. O último gran bloque de actuacións comprende unha mellora da iluminación a través da instalación de lámpadas de baixo consumo (LED) e sistemas de regulación da iluminación.

Resultados
Unha vez executado o Plan nos edificios xudiciais da Xunta, lograrase reducir o seu consumo enerxético en 1,2 millóns de kWh anuais e uns aforros económicos de máis de 210.000 euros ao ano. Ademais, reduciranse as emisións de CO2 en 850 toneladas anuais e substituirase a xeración de case 900.000 kWh anuais que actualmente se están a obter a partir de combustibles convencionais –principalmente gasóleo– por unha xeración cun combustible limpo e autóctono como a biomasa.
O Goberno galego ten no aforro e na eficiencia un dos piares básicos de actuación na súa política enerxética, polo que adoptar medidas dirixidas á redución do consumo e da dependencia enerxética do exterior son unha prioridade para a Xunta de Galicia.
Por ese motivo, en novembro do ano pasado o Executivo autonómico aprobou o Plan de aforro e eficiencia enerxética da Administración Pública 2015-2020, que busca desenvolver as recomendacións recollidas pola Unión Europea sobre a eficiencia enerxética do uso final da enerxía e os servizos enerxéticos.
As administracións públicas -e o sector público no seu conxunto- teñen a obriga de asumir un papel protagonista no impulso de medidas tendentes ao aforro enerxético e de medidas correctoras do mal consumo da enerxía, promovendo actuacións tendentes á eficiencia enerxética.
Nese contexto, as autoridades europeas, en colaboración coas nacionais e galegas, elaboraron o programa Operativo do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, recollendo as liñas estratéxicas no ámbito do aforro e a eficiencia enerxética, como fomentar medidas de apoio á xeración de enerxía con menores emisións á atmosfera; reducir a dependencia enerxética do exterior; e adoptar medidas tendentes á redución do consumo enerxético, entre outras.
Este Programa Operativo recolle especificamente o financiamento de actuacións vinculadas ao aforro enerxético nas Administracións Públicas, como entidades exemplarizantes na redución do consumo de enerxía en Galicia. Concretamente, é unha prioridade de investimento o apoio da eficiencia enerxética, da xestión intelixente da enerxía e do uso de enerxías renovables nas infraestruturas públicas

Actuacións
Neste ano 2016 contratáronse auditorías enerxéticas e redaccións de proxectos por valor de máis de 70.000 € e que afectan a 12 edificios xudiciais, que son os documentos que se precisan para poder definir as actuacións a realizar e poder licitar a contratación das correspondentes obras.
A maiores, xa se están ultimando obras por importe de 220.000 € e que abarcan actuacións tales como: instalación de caldeiras de biomasa nos Xulgados de Arzúa, Negreira, Sarria ou Ordes; montaxe de luminarias tipo LED nos Xulgados de Negreira ou Ordes.
Para o vindeiro 2017 poranse en marcha actuacións de eficiencia enerxética en diversas sedes xudiciais por valor superior aos 2,7 millóns de euros e que suporán, entre outros investimentos para actuacións de mellora no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Audiencia Provincial de Lugo, na Audiencia Provincial de Pontevedra, e nos Xulgados de A Estrada e Marín.
No que atinxe ao ano 2018, están proxectadas actuacións por importe superior aos 100.000 € nos Xulgados de Pobra de Trives, Xinzo de Limia e Verín.

Impulso á biomasa
Neste sentido, cabe sinalar que a Vicepresidencia da Xunta xa puxo en marcha diversas actuacións en materia de eficiencia enerxética en sedes xudiciais nos anos 2014 e 2015, centrándose na instalación de equipamentos térmicos que empregan como combustible a biomasa.
Deste xeito, en 2014 renováronse as instalacións dos xulgados de Becerreá, Chantada, Pobra de Trives, Ribeira e Tui; e en 2015 en Ortigueira, Marín, Xinzo de Limia e Mondoñedo. Estas actuacións supuxeron un investimento de aproximadamente 365.000 euros por parte da Xunta de Galicia e están a xerar uns aforros económicos anuais en combustible en torno ao 50 por cento.

A Xunta investirá en eficiencia enerxética e melloras nos xulgados máis de 4 millóns

Te puede interesar