Unha cita coa integración no país

Unha cita coa integración no país
El Ideal Gallego-2015-05-05-015-1fce3f43

Será en homenaxe a Filgueira Valverde, a quen vai adicado este ano o Día das Letras Galegas, pero tamén unha forma de confirmar sobre o escenario do Colón que a integración total é posible. O cuarto festival Arte pola Igualdade poñerá enriba do estrado mañá ás sete da tarde aos alumnos do Centro de Educación Especial (CEE) María Mariño para interpretar xunto cos estudantes do Conservatorio Profesional de Música tres pezas que falan de país. Trátase de “Alborada no día da festa”, “Unha palillada de Camariñas” e “A espadela”, de Mauricio Fato Parra e Leandro Carré Alvarellos.
Ademais do repertorio melódico, o evento combinará tamén teatro e danza nunha cita para a que non se cobrará entrada e non se pechará a porta a ninguén até completar o aforo. Os espectadores poderán retirar a súa invitación previamente no despacho de billetes do auditorio. Promovido pola Consellería  de Cultura e a Deputación, a montaxe na que levan meses traballando terá unha hora de duración e está dirixida a todos os públicos.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, falaba onte na presentación de que por unha parte a posta en escena servirá para lembrar a personalidade de Filgueira Valverde, que foi quen de empurrar pola cultura do país cando a administración e as institucións non o facían.
Do que fixo por ela queda constancia ao situarse ao mando do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. “O vello profesor” foi unha persoa cun profundo coñecemento humanista que proxectou na súa tarefa de presidir o Consello da Cultura Galega e ocupando un sillón na Real Academia Galega. Tamén cofundou o Seminario de Estudos Galegos e repartiu pildoriñas nos seus libros de crítica e investigación.
A todo este esforzo irán dirixidas as coreografías dos alumnos e as notas musicais. Dicía Do Campo que a cita de mañá dará a coñecer o traballo que se desenvolve nestes centros educativos, “onde se demostra día a día que a discapacidade física ou psíquica non é impedimento para desenvolver o potencial creativo e a sensibilidade artística”.
Segundo a responsable, o traballo colaborativo é “alegre, emotivo e educativo” e ten como obxectivo seguir a promover a integración e a educación inclusiva facilitando os mesmos servizos educativos e formativos cos que conta o resto da cidadanía.
Na mesma liña, a delegada agradeceu o feito pola Deputación nun acto ao que tamén asistía a súa vicepresidenta, Mariel Padín. Segundo apuntou, “todas as administracións deben ir da man cando se trata de favorecer a igualdade”.
O teatro Colón prepárase para ser o envoltorio esta semana tamén da segunda gala Siente Coruña, que terá lugar o venres ás 20.30 horas coa intención de que a butaca entregue a súa solidaridade aos coruñeses que non teñen recursos. A Zona Comercial Obelisco organiza unha segunda edición que irá destinada en parte a sufragar os gastos da Cociña Económica. 

Unha cita coa integración no país

Te puede interesar