O Concello definirá o futuro do bordo costeiro da Coruña a través do foro “Tecendo Litoral”

O Concello definirá o futuro do bordo costeiro da Coruña a través do  foro “Tecendo Litoral”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-daa5b460

Será a fin de semana que vén e marcará un antes e un despois no concepto do bordo costeiro coruñés. O Concello porá  a debate o 27 e 28 de abril o futuro desta zona a través dun foro baixo o lema “Tecendo Litoral”. 
Este é tamén o título do proceso lanzado polo Goberno local de cara a darlles reposta ás interrogantes abertas sobre o futuro dos peiraos da cidade. Este plan, apoiado na participación de axentes clave no tema e tamén da cidadanía, fai fincapé na posibilidade que ten A Coruña de recuperar máis de 430.000 metros cadrados, abrindo a oportunidade de repensar o que se busca para encher ese territorio, así como a relación que pode establecer a cidade co mar a través del e o novo horizonte litoral da cidade, que mesmo se pode traducir en mellora de espazos e equipamentos para a cidadanía e o impulso da economía e o emprego metropolitano.
Ao respecto, o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, sinala que o futuro da cidade e da relación que se definirá co mar está nas mans dos propios cidadáns. “Algo así só podemos decidilo en común, sumando todas as voces, desde logo, sen deixar de lado as veciñas e veciños da cidade”, argumenta o rexedor, poñendo como exemplo a manifestación que o ano pasado uniu 4.000 personas en defensa do porto e en contra da especulación”.

1 A investigación sobre a realidade do bordo litoral
De cara á celebración do foro “Tecendo Litoral”, dende o Concello iniciaron o camiño a través dunha fase de investigación destinada a comprender a realidade do bordo litoral da Coruña, achegar propostas de usos para os terreos portuarios e implicar a veciñanza no proceso de toma de decisións.
Así, entre novembro de 2017 e marzo deste ano analizouse a documentación legal e urbanística en relación coa cidade e co porto interior e recoñeceuse a realidade destes terreos portuarios e da súa relación coa Coruña, coa súa transformación histórica e coa súa actualidade. Ademais, traballouse con axentes implicados directa e indirectamente no porto para deseñar unha estratexia de cidade en relación co bordo litoral. Por último, quíxose entender como outras cidades do mundo emprenderon a súa transformación portuaria e analizar solucións que poidan ser extensibles ao caso coruñés. Serán precisamente estes traballos os que se leven a debate no foro de “Tecendo Litoral”.

2 Falando do litoral da Coruña
A primeira fase do traballo de investigación recolleu a voz de axentes implicados coa transformación portuaria ou afectados por ela a través de metodoloxías participativas que permitan compartir e debater a información. 
Así, leváronse a cabo entrevistas cualitativas a axentes clave, tanto da cidade como do exterior, con preguntas que xiraron arredor de catro eixes: a memoria e a identidade, o territorio e a mobilidade, a sustentabilidade, e os usos produtivos e a economía azul.
Fixéronse tamén tres grupos de discusión con persoas expertas para enriquecer a información obtida durante o traballo de campo e a investigación documental.
Durante o foro, ademais de compartir as conclusións extraídas desta fase, abriranse espazos de traballo dinamizados para que os veciños poidan tamén transmitir a súa propia mirada. 

3 Outras cidades de referencia
Coa vista posta en que xa outras urbes do mundo emprenderon antes transformacións portuarias, dende o Concello tomaron o exemplo de máis de sesenta portos. Así, avaliaron a elección do sistema de xestión e financiamento elixido, a incorporación ou non de usos produtivos, a especialización sobre a memoria, a identidade ou a innovación, se a cidade tiña paralelismo coa Coruña e cal era este, en que grao existiu unha involucración da cidadanía, a integración da vivenda social, o valor do tratamento ambiental na actuación ou a situación socioeconómica na que se realizou a transformación.
A este respecto, a investigación observou unha especial relevancia no que atinxe aos casos dos portos de Pasaia (Donostia), Brest (Bretaña francesa), Cheong Gye Cheon de Seúl (Corea do Sur), os canadienses de Vancouver (Grandiville Island en 1979 e False Creek en 1988), Barcelona, Bilbao, Santander e o bretón Saint Nazaire. A información recompilada durante toda esta fase de investigación será posta sobre a mesa durante a celebración de “Tecendo Litoral”.

4 O foro, os seus obxectivos
Despois das fases investigativas chega o momento de atoparse coa cidadanía para darlle a coñecer cal é a situación do litoral coruñés e as oportunidades que representan para A Coruña os terreos do porto interior. Esta iniciativa terá o seu lugar no foro “Tecendo Litoral”, que se celebrará a próxima fin de semana, venres 27 e sábado 28, en Palexco.
Os obxectivos das xornadas serán compartir os procesos de investigación e as súas conclusións de modo claro e transparente. Ademais, preténdese afondar no coñecemento da realidade do bordo litoral, facendo fincapé nos temas que poden ser de especial relevancia para a transformación dos terreos portuarios. Tamén se amosará como outras cidades emprenderon os seus procesos de transformación portuaria e ver referentes inspiradores para o futuro da Coruña. E, por último, debaterase sobre as cuestións clave deste proceso de cara a enriquecer a proposta actual coa mirada cidadá.

O Concello definirá o futuro do bordo costeiro da Coruña a través do foro “Tecendo Litoral”

Te puede interesar