O Día de Rosalía colle forza a través de decenas de actos, recitais e exposicións

O Día de Rosalía colle forza a través de decenas de actos, recitais  e exposicións
El Ideal Gallego-2016-02-24-036-0f334167

No mesmo día en que hai 179 anos, unha criatura de nome Rosalía nacía para loitar contra esas cadeas, patrimonio da muller, e buscar a liberdade entre os versos sendo ela, centos de puntos no mapa coruñés acenderanse para recordala. 
Dende a liberalización de catro Rosalías pintadas por Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor, versións diferentes ás icononizadas, que venteará a Deputación no seu edificio como un xeito de reivindicala e sentila até a reclamación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que queren que a data sexa unha celebración desde 2011, todo se tinguirá de tributo.
Neste aspecto, o colectivo pide o recoñecemento que en vida non tivo e suma 45 concellos que dixeron que si ao 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, entre os que se atopan o da Coruña, Betanzos, Miño e Pontedeume. Pretenden institucionalizalo como unha xornada literaria, animando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. Para iso, acompañan o berro común cun manifesto que será lido no día de hoxe en distintos actos e que lembra a figura da autora como “Rosalía libre e sen medo ningún”. 
Da Rosalía defensora da xustiza social á Rosalía escritora, que se enfrentou ao destino que tiñan as mulleres da época e decidiu ser creadora e fixo por selo, a AELG asegura que viviu libre e, sobre todo, que “campa aínda libre arredor de nós” e que é “unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre”. 
Por iso, hoxe a Biblioteca Provincial adicará o seu obradoiro de plastilina a Rosalía. Será ás 11.30 horas, ao mesmo tempo que na sala César Antonio Molina haberá un clube de lectura. Media hora máis tarde, o edificio de Riego de Agua celebrará unha lectura pública para poñer a rodar os poemas de quen era capaz de meter todo o mundo vivo neles. Pola tarde, Amancio Prada estará coa súa guitarra na Real Academia Galega. 

amancio prada
Alí, está previsto que lle cante unha vez máis. Será ás sete e media da tarde, de balde, pero para acudiren, os interesados deberán recoller antes a invitación na sede da rúa de Tabernas. Sen dúbida, a voz do berciano entonando aquela de “Chove miudiño”, facendo que a xente retorne a Bastabales e volva a poñerse no lugar do que emigra para cantar “adiós ríos, adiós fontes”, suporá un dos actos máis nostálxicos dunha efeméride que atraverasá a ponte de A Pasaxe. Irá tamén a celebración até Betanzos onde Rosalía concentrará ao alumnado de ESO e Bacharelato dos IES Francisco Aguilar, As Mariña e Nosa Señora do Carme “Atocha” para disputar a gincana literaria “Rosalía na voz da xente”, a cargo de Xandobela. Así, dunha maneira lúdica e atractiva, a xuventude respirará dela. Durante todo o mes, unha das localidades que si quere que o Día de Rosalía apareza sombreado no calendario ofrecerá unha mostra bibliográfica na biblioteca Castelao. 
No Liceo tamén se poderán ver as ilustracións da artista Carmen Núñez mentres que na rúa, pendurados dos inmobles con máis caché da cidade, están e estarán até marzo fragmentos da súa poesía como cachiños de natureza e vida sobre a pedra dentro da iniciativa “Versos na rúa”. Outro dos consistorios que tamén secunda a idea de afianzar a data, Miño, convoca ás 17.00 horas aos veciños para participar nun recital no auditorio municipal. Nel, os voluntarios pasarán as follas de “Cantares Gallegos”, relerán as perlas que escribiu en “Follas Novas” e compartirán a unha “Rosalía Pequeniña”. Ela será  protagonista en Arteixo dunha mostra bibliográfica na Henrique Rabuñal. Desde o concello repartirán un díptico coa súa vida e obra e unha segunda exposición, esta vez de imaxes, insistirá na importancia dun busto de sorriso pechado.

O Día de Rosalía colle forza a través de decenas de actos, recitais e exposicións

Te puede interesar