“Podemos nace coa idea de ir a por todas, sería pouco intelixente quedarnos aquí”

El Ideal Gallego-2014-05-27-002-39dbd4e9
|

Non hai portavoces nin cargos. Só xente que considera que se pode cambiar a forma de facer política, en concreto, a forma de gobernar dos dous partidos tradicionais: PP e PSOE. Cun sistema no que todo se decide de forma asamblearia –e prácticamente a través da internet–, Podemos está disposto a seguir adiante co seu proxecto. Miren Alonso, membro do círculo do partido na Coruña, analiza os feitos que levaron a que o domingo o seu partido se convertese na terceira forza da cidade.

Esperaban ter tanto éxito?
Era difícil de saber porque as enquisas daban uns resultados diferentes. Pero cando falábamos coa xente notábamos que lle gustaba moito o que lle estábamos a contar. Foi unha sorpresa e unha alegría, pero non tanto xa que aínda queda moito por traballar. As eleccións pasaron e hoxe hai moitas familias que van ser desafiuzadas, xente sen traballo...

A vista do apoio acadado, presentaranse ás municipais de 2015?
Podemos nace coa idea de ir a por todas. Sería pouco intelixente quedarnos aquí. Pero nós non temos afiliación, non hay cúpulas, así que todo depende do apoio que logremos. O normal sería seguir adiante, aínda que nós temos un objetivo moito máis profundo.

Se en lugar dunhas europeas as do domingo fosen unhas municipais sacarían catro concelleiros na Coruña...  
Sabemos que temos unha responsabilidade moi importante. E que ten que haber confluencia de forzas políticas. Nós estamos sempre coa man tendida.

Estarían dispostos a pactar en caso de chegar a ser chave de goberno?
Tanto co PP como co PSOE non porque son parte da casta. Falamos de tender a man a forzas democráticas noutro sentido. Por exemplo, está AGE, coa que conectamos a nivel de programa. Pero as grandes decisións sempre terán que saír da cidadanía.

Que lle pareceron as xustificacións dadas polo PP e o PSOE sobre os resultados?
Dun oportunismo que non se entende. Perderon dous millóns de votos cada un deles. Formacións como a nosa tiveron esa participación que demostra que hai moitos cidadáns indignados. O do PP e o do PSOE é como o dos músicos do “Titanic” que seguen tocando cando o barco se está a afundir. Aínda así, existen diferencias entre as declaracións a nivel estatal do PP e o PSOE, con respecto ao panorama local. Penso que se seguen aferrando ao que teñen e esfórzanse por dar unha imaxe positiva.

“Podemos nace coa idea de ir a por todas, sería pouco intelixente quedarnos aquí”