A Festa do Libro presentará ata o martes novidades e descontos en Méndez Núñez

El Ideal Gallego-2011-05-14-015-ea1db9bd

  marta garcía márquez > a coruña

  A Festa do Libro instálase en Méndez Núñez ata o 17 para levar á rúa as novidades editoriais, da man dos seus propios autores e arredor das letras que nacen no país. Deste modo, o rostro de Lois Pereiro protagonizando a portada de antoloxías, biografías e análises miúdos da súa obra repítese nun stand si e no seguinte tamén e hai quen di que nunca houbo un homenaxeado polo 17 de maio que tanta repercusión tivera. É o representante da librería Couceiro. Segundo o experto, foron poucos os autores que acadaron tal resposta por parte da xente que merca a Pereiro e dos editores, que se apuran en recoller os feitos que o converten nun grande.
Ademais dos dez postos, as Bibliotecas Municipais están tamén presentes cun consultorio onde os curiosos poderán facer estes días un chequeo e comprobar o seu estado espiritual. Os profesionais da lectura extraerán sangue dos pacientes e os resultados, lonxe de atisbar índices altos de colesterol e azucre, terán que ver coas doses en vena de intriga e paranoia, coa falta de terror e os parámetros de nervios necesarios que proveñen directos das páxinas inxestas.
En caso de non dar positivo na ausencia de literatura, as bibliotecarias extenderán un parte con consellos sobre autores e temáticas que inciten á lectura. Para os que non teñan déficit de historias, o consultoiro será como unha especie de base de campamento, onde un poderá coñecer as novidades de nomes concretos e de títulos que teñen que ver co xénero que na actualidade, o cliente está a degustar.
Na presentación da actividade, o presidente do colectivo de libreiros coruñeses, Juan Carlos Sanmartín, animaba á xente a participar dunha feira que, ademais da venda de libros, componse de presentacións e sinaturas. É así como na xornada de onte pasaron polo evento Mercedes Queixas, que firmou exemplares das publicacións “Lois Pereiro. A urxencia poética”, de Edicións Laiovento, e “Vivir, aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg”, de Galaxia.
Ademais, Xulia Alonso estivo nos xardíns cun libro debaixo do brazo. Chámase “Futuro Imperfecto” e retrata a toda unha xeración que sofreu por descoñecemento os primeiros envites do VIH. Antón Patiño quixo tamén engadir unha nova perspectiva á figura de Pereiro e pasou pola festa para falar entre imaxes de “Lois Pereiro. Radiografía do abismo”, de Espiral Maior.
Neste aspecto, a actividade fúndese hoxe nos actos previstos para celebrar o Día Internacional dos Museos e que terán lugar en torno ás casetas para seguir mañá con literatura en estado puro e ofrecer un obradoiro para nenos sobre o personaxe Golfiño, ás doce, diante do Kiosco Alfonso, da man do seu autor, Fausto Isorna, que asinará exemplares, ás 13.30.
A feira desprazarase ao Kiosco para proxectar o documental que fixeron os alumnos de Comunicación Audiovisual, inspirados na ironía de Pereiro. As letras formarán versos, ás 18.00, coa presenza de Eva Veiga e Diana Varela, que estará media hora máis tarde con “Animalabismo”, de Espiral Maior. Por outra parte, o ilustrador Casas Gil asinará libros e Retranca Editora presentará a revista “Fiz”, no Kiosco, mentres que Miguel Mato introducirá, ás 20.00, a novidade “Señardade da luz. A obra poética de Manuel María”, da agrupación cultural Alexandre Bóveda.

Día do Cómic Gratis > A festa farase eco da segunda edición en España do Día do Cómic Gratis, unha iniciativa que os estadounidenses levan anos desenvolvendo e que os especialistas en banda deseñada de España importaron co fin de conseguir novos públicos. Deste xeito, Tanxencias regalará un cómic por cada dez euros de compra e Alita Comics dispensará viñetas de balde. En concreto, repartirá na feira e nos seus locais exemplares de “Brit”, xunto a máis material e actividades varias. Hai que lembrar que o resto de expositores ofrecerán aos visitantes un desconto dun dez por cento.


 

A Festa do Libro presentará ata o martes novidades e descontos en Méndez Núñez

Te puede interesar