Os 50 anos do Día das Letras Galegas celebraranse cun acto cívico en María Pita

|

O mesmo que hai cincuenta anos festexaba en silencio a institucionalización dunha data que conmemorase a existencia do galego na literatura presentaba onte os actos programados para o medio século de vida desta efeméride. O presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, despregaba o calendario de celebracións polo cumpreanos do Día das Letras Galegas que terá como prato forte unha xuntanza en María Pita o vindeiro 16 de xuño, onde se darán cita todos os alcaldes das localidades onde naceron os que foron homenaxeados nos 17 de maio posteriores ao día no que Rosalía foi a elexida para encabezar a lista.

A RAG distribuirá 30.000 exemplares dun libro sobre a efeméride entre os alumnos de Bacharelato

Corría o ano 1963 e Méndez Ferrín atendía á aprobación desta festa oficial debaixo dun retrato de Francisco Franco e ao lado do gobernador militar de Lugo: “Eu estaba asustado pero non aconteceu nada”. Pasou que as autoridades pertinentes tomárono coma unha cuestión aceptable e asentiron. Nada máis.

Neste aspecto, o encontro do día 16 na cidade estará presidido por Núñez Feijóo e o propio Méndez Ferrín, ademais do Rianxo de Castelao e Manuel Antonio e a Celanova de Celso Emilio, moi preto de O Courel que respirou Novoneyra e o Mondoñedo no que Cunqueiro cultivou un intelecto tal que a súa narrativa fantástica sorprendeu a medio mundo. Os rexidores de todas estas localidades representarán o cacho de terra sobre o que estes intelectuais medraron. Acompañados dunha recua de rapaces chegados de diferentes centros de Galicia. Eles encargaránse de sementar a palabra mentres que os alcaldes recitarán aos seus escritores predilectos.

Neste aspecto, os cincuenta anos do Día das Letras Galegas celebraranse tamén en papel. A través dun libro gratuíto que se repartirá a todos os alumnos de Bacharelato do país, nun formato manexable no que poderán poñerlle cara aos grandes das letras cun perfil de cada un deles. En total, repartiranse 30.000 exemplares de 112 páxinas.

Pola súa parte, a TVG reservará microespazos, nos que cincuenta académicos amosarán as caricaturas e manuscritos dos autores, ademais de realizar un filme documental sobre a construción colectiva do Día das Letras Galegas con entrevistas e os actos que fan dela unha festividade plural e aberta.

Publicarase tamén unha revista e mil coleccións-exposicións acerca dos carteis que serviron para promocionar a celebración, así como a edición dun libro conmemorativo con distribución en librarías, institutos e bibliotecas. Na elaboración do mesmo participarán cinco colectivos e unha empresa de comunicación. A todo isto haberá que sumarlle os actos previstos arredor da figura deste ano, Valentín Paz-Andrade, que pensou Galicia desde diferentes perspectivas.

 

Os 50 anos do Día das Letras Galegas celebraranse cun acto cívico en María Pita