“Están máis preocupados polo transporte para as áreas comerciais que para os polígonos”

|

El Ideal Gallego-9999-99-99-999-8d25d627

  entrevista de carolina regueira

xosé manuel carril candidato do bng á alcaldía

O  BNG preséntase como unha forza política diferente na forma de gobernar e nos seus retos. Cales son os principais obxectivos da súa candidatura?
—Nós entendemos que hai que tentar recuperar a cidade da Coruña como unha cidade galega, unha cidade de barrios, metropolitana e sustentábel. Eses serían os obxectivos. Cando estamos a falar de cidade galega é sobre a base da propia historia da Coruña porque sempre foi berce dos principais movementos máis progresistas na historia de Galiza. Recuperar todo iso na idea de que A Coruña lidere a comarca e o país.

Cando falamos da Coruña como unha cidade metropolitana, estamos nunha crise económica que implica que os concellos vexan recortado o seu financiamento e que teñan que asumir competencias que non lle corresponden e sen dotación económica, entón é hora xa de actuar en clave comarcal; poñer en común determinados servizos con outros concellos para garantir a calidade dos servicios públicos e o abaratamento de costes por parte da cidadanía porque por aí pasa o futuro. Hai que deixar a un lado os localismos porque neste momento debilitan moito máis e ir a unhas relacións máis naturais co resto de Concellos da comarca.
—Como se faría?
––É un corte transversal a todo, implica servicios públicos, pero tamén todo o que ten que ver coa mobilidade, especialmente nestes días que vemos un incremento da conxestión crónica que padece a cidade. Coruña é unha cidade na que traballa moita xente que non é da Coruña e viceversa, e como non hai medios de transporte públicos realmente alternativos, obriga a todo o mundo a utilizar o seu coche particular, eu incluido. Non se trata de culpabilizar a ninguén, senón de que nos vemos forzados a facer uso do vehículo particular. Insistimos moito no transporte de cercanías, ferroviario e marítimo, e isto enlaza ca outra idea, que é a de sustentabilidade. Pode haber un desenvolvemento económico na cidade da Coruña sen merma dos dereitos sociais das persoas e sen merma das condicións medioambientais. Iso tamén xera riqueza e postos de traballo. Sobre esto está artellado todo o programa.
—Que non se constituira aínda a área metropolitana, é culpa do Concello da Coruña?
—Eu creo que aí o problema principal ven por cuestións partidistas entre o PSOE e o PP e tamén, sería incorrecto ignoralo, dos localismos de todos, non só da cidade da Coruña. Esos pasos cara unha actuación máis en clave comarcal implica ir restando competencias as Deputacións provinciais, que nunca tiveron sentido e agora tampouco.
—En cuestión de mobilidade propón cercanías e o transporte pola ría, pero iso implica a outras administracións e a relación coa Xunta non é fluida.
—O que sí temos que ter é sentido da responsabilidade institucional. Dende o momento en que a cidadanía elixe a uns políticos para gobernar, iso implica, ante todo, negociar de boa fe e chegar a acordos con independencia do partido que goberne. Hai casos moi concretos que afectan á cidade da Coruña: a rexeneración da ría de O Burgo, o transporte metropolitán, o tema da Tercera Rolda... Son problemas que realmente interesan á cidadanía, e que deberían preocupar tanto a un partido como a outro que se declaran coruñesistas, pois que deixen a un lado as súas diferencias partidistas e que se preocupen por resolver os problemas. Eu creo que hai que apelar á responsabilidade institucional e a obriga de negociar de boa fe porque gobernar dache unha serie de dereitos, pero tamén unha serie de obrigas.
—Mostrouse abertamente contrario as grandes áreas comercias, pero xa están feitas. Que faría como alcalde para apoiar ao pequeno comercio?
—Aí, tres ideas claves. Primeira, facer partícipe ao pequeno e mediano comercio de todas as políticas municipais, isto implica urbanismo, mobilidade... Despois, tiña que haber un segundo eixe vertebrador que insista no que é a venda. Aí hai moitas medidas, por exemplo, a relativa a elaborar un censo de baixos comerciais que están sin utilizar para facer un banco de locais e ofertarlos a aquelas persoas que decidan iniciar calquera tipo de negocio do pequeno e mediano comercio. Insistir en políticas fiscais que axuden a bonificar ou eximir determinado tipo de impostos, nesa idea de abaratar os costes de gastos correntes. Facer tamén un catálogo deses establecementos de enorme tradición na cidade da Coruña e poñelos en valor. E xa como terceiro eixe vertebrador, insistir directamente sobre o consumo, facer que o consumo no pequeno e mediano comercio sexa atractivo e cómodo.
—Como?
—Habería que pensar nun plan municipal con actuacións moi concretas en función de cada barrio. Por exemplo, que haxa un servicio de canguros para que a cidadanía que vai consumir poida deixar alí os nenos xustificando despois que comprou, que haxa axudas na bonificación do transporte público cando se está a utilizar para consumir no pequeno e mediano comercio ou incluso tamén nos aparcadoiros privados, sorteos periódicos por consumir ahí... Despois, interrelacionar o pequeno e mediano comercio coa hostelería, de tal maneira que se ti consumes certa cantidade nun pequeno e mediano comercio eso te implique ter unha consumición de maneira gratuita nun local. Tentar relacionar todo.
—Iso pode convivir coas grandes superficies?
— Neste momento, dada a proliferación das grandes áreas comerciais na Coruña, no BNG mantemos que é incompatibel decir que se apoia ao pequeno e mediano comercio ao tempo que se aconsella ir as grandes áreas comerciais. Proba desa mala política é que estamos mais preocupados por que haxa transporte público para as grandes áreas comerciais que para ir traballar aos polígonos.
—Isto está moi relacionado co emprego. Pode facer algo o Concello para crear postos de traballo?
—Si, se poden explorar novos xacementos de emprego. Claro que si. Na cidade da Coruña concretamente eso pasa por cuestións tan estratéxicas como revitalizar os polígonos industriais e consideralos, principalmente este –Pocomaco– máis o da Grela, un barrio máis; que teñan todas as infraestructuras e dotacións necesarias, ao mesmo tempo que garantir boas comunicacións para o polígono de Vío. Se fas iso estás facendo atractivo que as empresas se instalen. O Concello tamén pode explotar xacementos de emprego que teñan que ver co mar, A Coruña vivíu moisímos anos de costas ao mar, e a Universidade, en relación por exemplo co parque tecnolóxico.


“Ou executas a sentenza de Someso ou contactas cos expropiados”


El Ideal Gallego-9999-99-99-999-8d2abb36Entre os grandes retos cos que se atopará o próximo goberno municipal está o de urbanizar os peiraos. Que opinión ten dos proxectos previstos?
—Iso implica falar do actual PXOM. Aí o BNG ten claro que hai unha serie de cuestións que son irrenunciabeis e unha delas está relacionada co tema do porto. Nós temos que aproveitar o impacto que ten o Porto Exterior, pero temos que seguir mantendo a actividade aquí e máis tamén temos que aproveitar que dispoñemos dunha estación infrautilizada, que é a de San Diego. Ese é o lugar óptimo para o transporte de mercadorías, de cercanías, etc, que chega ata a plaza de Ourense. Eso unido a que neste momento, e así o están poñendo de manifesto determinados colectivos de arquitectos, hai un superávit de vivendas baleiras na Coruña, non ten sentido seguir na idea de construir máis edificios porque ao final vai a haber máis vivendas en exceso e iso vai dar lugar á especulación. Entón, hai que manter a actividade do porto onde está sen perxuicios de que algunas instalacións teñan que ir ao Porto Exterior.
—Pero o obxectivo de construir aí é financiar a dársena de punta Langosteira.
—Neste caso nós estamos sendo dalgunha maneira discriminados porque esa foi a opción que se deu aquí, pero no porto exterior de Xixón non houbo que recurrir a ningún elemento de financiamento privado ou á venta de terreos. No tema do Porto Exterior, de novo, empezamos a casa polo tellado. Preocupámonos pola idea do Porto Exterior coas súas conexións, cando dende o ámbito da Unión Europea se di que se hai unha boas conexións, especialmente ferroviarias, entraría toda unha liña de financiamento por parte da UE. Entón, claro, ese é o problema. Nós o que temos que demandar dende aquí é que o Porto Exterior ten que executarse nos plazos establecidos e con financiamento por parte do Estado. Porque ao final iso nos hipoteca.
—Tamén en materia de urbanismo, haberá que enfrentarse aos obstáculos no Parque Ofimático e as indemnizacións de Someso.
—Cando se teñen responsabilidades de goberno un dos problemas que se soe dar é que nalgunhas ocasións hai unha irresponsabilidade ao pensar que non importa o que poida pasar mañá e que é máis importante o do día a día. É esa política que se fixo durante moitos anos nesta cidade por parte de Paco Vázquez e por parte doutras persoas que están neste momento con responsabilidades de goberno do PSOE, de iniciar procedementos de expropiación forzosa cun determinado fin e sobre a marcha cambiar a causa expropiante e utilizala para outros fins. Que foi o que pasou en Someso e, dende o ámbito da Xunta, no Parque Ofimático. Dende o momento en que hai resolucións xudiciais que din que iso é unha actuación ilegal, aí hai que deixarse xa de políticas e aterse claramente á resolución. Hai que actuar conforme aos intereses das persoas expropiadas. No caso concreto do Parque Ofimático, eu entendo que a Xunta está actuando incorrectamente, tamén cos cooperativistas, porque crearon dereitos e expectativas de dereitos e iso ten que ser indemnizado.
—Entón, vostede aposta por pagar canto antes esa indemnización aos expropiados?
—Non, eu polo que aposto é por chegar a un acordo cos propios afectados de tal maneira que ese acordo teña o visto bon principalmente das persoas afectadas e do poder xudicial. Ou executas literalmente a sentenza ou te pos en contacto cos afectados. E iso vai implicar que o Concello da Coruña durante algún tempo estea hipotecado.
—Unha das poucas polémicas que houbo a respecto do pacto municipal foi a da lingua que debían usar os concellerios en público.
—Eu me remito ao que di a Lei de Normalización Lingüística e a outra norma autonómica respeto ao uso de galego nas administracións locais e aí hai unha serie de deberes implícitos e explícitos a respeto de promocionar o galego. Iso implica todas esas actuacións, sen cuestionar en ningún momento a opción lingüística de cada persoa a título particular. Pero non se trata exclusivamente de como teñen que ser as intervención orais, por aí tamén está o asunto, pero hai moitas máis cuestións a respecto de visualizar o emprego do galego como un idioma totalmente natural na Coruña. En moitas ocasións cando se está a falar do uso do galego na cidade, inmediatamente, por parte de algúns que son bastante reacios, se fala de que iso é unha imposición, cando é volver a actuar de maneira coherente co que sempre foi a cidade da Coruña. Se a microtoponimia está en galego é porque sempre se falaou o galego.


 

“A cultura do pacto nun estado democrático non é nada negativo”

Aínda que non lle gusta, é unha pregunta obrigada saber se está disposto a pactar co PSOE.
— Neste momento non hai que falar de pactos porque iso implica quitarlle protagonismo á cidadanía, é quen ten que decidir e en función do que decida se se falará ou non se falará de pactos. Neste momento o importante é que cada forza política dé a coñecer o seu programa.
—Pero a cidadanía, non ten dereito a saber que vai pasar co seu voto?
—Efectivamente si que ten dereito a saber todo iso, precisamente por iso, nós en ningún momento dixemos que íamos a pactar, nin tampouco dixemos que non íamos a pactar. É o momento de que eles coñezan o programa e que decidan. O BNG é unha forza o suficientemente democrática e dialogante, aquí como na Xunta e incluso no Congreso, para chegar a acordos con outras forzas políticas, ao contrario doutras partidos que reprochan ou que critican os pactos. En moitas ocasións se reprocha por parte do Partido Popular a cuestión dos bipartitos cando pola súa parte non teñen capacidade de dialogar con outras forzas e teñen que recurrir a tránsfugas ou á creación de marcas políticas para poder pactar. Non critican os pactos que poida haber tripartitos ou bipartitos noutros países da Unión Europea, caso de Alemania ou Reino Unido. A cultura do pacto nun estado democrático non é nada negativo.

“Están máis preocupados polo transporte para as áreas comerciais que para os polígonos”