O real e o mítico nun mesmo molde

El Ideal Gallego-2011-07-15-015-2a09751a

  Reportaxe de marta garcía márquez

uimp “cen anos de cunqueiro”

Porque Álvaro Cunqueiro sempre tiña como comensal nas súas obras ao señor humor, a escritora Marina Mayoral falaba onte de que non había relato que non fose fantasioso pero tampouco irónico, dentro dun xeito de contar as cousas para o que é necesario entregarse.
Si. A autora aconsellaba aos participantes do seminario “Cen anos de Cunqueiro”, organizado pola Universidade Menéndez Pelayo, que non se detivesen a indagar sobre os datos que don Álvaro destilou en cada obra. Non paga a pena porque se ben é certo que o mindoniense barallaba feitos verdadeiros, había un momento na peza literaria que correspondía á inventiva do autor. Por iso, a maxia.
A experta sinalaba que os contos cunqueiranos sempre partían de algo, imaxinado ou non, que a maioría das veces non era certo pero que acadaban certa lóxica se un aceptaba a primeira das premisas.
Esa que fala en “Si o vello Simbad volvese ás illas” dunha argucia do protagonista cando ten que pasar coa súa embarcación por unhas penas difíciles e sopra vento a babor. Entón pasa que o mariñeiro decide amarrar a unha balea a estribor para que lle axude a pasar a zona complicada. Como elas “andan aos camaróns”, o vello prepara un combinado de crustáceos e herbas que adormecen para que o cetáceo se quede frito e poder levar a cabo a súa operación.
Ademais, Simbad pensa que no caso de que o animal morra, venderá a súa carne a China, onde as mulleres adoitan a levar corsés. Dicía Mayoral que “todo é lóxico desde o momento en que ti admites que se pode narcotizar ás baleas”.
A paisana de Cunqueiro explicaba que outra forma que tiña de inxectar humor era mesturando o inverosímil co costumbrista, que daba como resultado obras maestras en formato pequeno. Deste modo, o contador de contos situaba ao pai de Ulises na mesma fonte dos Pelamios de Mondoñedo ou comparaba en “La otra gente” unha nova que saía nun xornal estadounidense cun feito que ocorría na súa terra. Nada menos que facía un paralelismo entre o acontecido a un home ao que lle extirparon un óso inútil da cabeza co que lle pasou a Bouso, ao que se lle moveron todos os ósos da cabeza dunha sacudida e sentía no seu interior como “cucharillas que hacían fiesta en un vaso de cristal”.
No relato explicaba que o tal Bouso acudiu ao curandeiro Primo de Baltar, que lle recetou parches de cera quente. Aseguraba Cunqueiro que esta axitación de ósos so lle pasaba a certas persoas e aos que “soñando dormidos escoitaban correr o vento”.
Marina Mayoral sinalaba que nas obras de Cunqueiro, a fantasía actúa nun sentido dobre: por unha parte, o autor tende a transformar a realidade cotiá para pasala a mito e, por outra, achega o mundo sobrenatural aos propios aconteceres diarios. A escritora engadía que fai un tratamento do excepcional coma se, en verdade, fora algo habitual. El cre que non precisa de explicacións.
O resultado de todo isto é a creación dun universo con vida de seu, que respira do mítico e do real, do cotián e o extraordinario para facer unha masa das dúas cousas xuntas. Entón pasa que non se poden separar. Mayoral asegura que ese mundo, contado con humor, “é a creación máis orixinal de Álvaro Cunqueiro”.
Pola súa parte, o escritor Víctor Freixanes pasaba tamén polo seminario para analizar a faceta xornalística do lucense. O intelectual abordaba a relación entre a vida e a obra de quen “desenvolveu unha parte moi importante da súa vida nos xornais e nalgunhas emisoras de radio”.
Freixanes definía a Cunqueiro como un dos mellores autores europeos de todos os tempos e presentaba a exposición “No niño novo do vento”, que itinerará por toda Galicia co obxectivo de conmemorar o centenario e realizar un percorrido pola obra do escritor. A mostra conta con recursos gráficos e audiovisuais, ademais de obxectos persoais.


 

O real e o mítico nun mesmo molde

Te puede interesar