Medio Rural impulsará a agricultura ecolóxica a través dun plan estratéxico

Unha das moitas feiras galegas nas que están presentes produtos procedentes da agricultura ecolóxica archivo ec
|

A Consellería do Medio Rural impulsará, de acordo co sector, un plan estratéxico de agricultura ecolóxica. Esta iniciativa servirá para analizar a situación e perspectivas deste eido, así como para deseñar as liñas fundamentais de fomento e promoción desta actividade cara o futuro.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, tratou da posta en marcha deste plan e doutros temas de interese para o sector nunha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández, e con outros dos seus responsables.

A reunión serviu para avanzar na redacción deste plan, que se prevé estará rematado neste ano 2017 e que se centrará tamén no fomento da comercialización destas producións, que están a rexistrar nos últimos anos un importante crecemento en Galicia.

Así, segundo os últimos datos dispoñibles, no 2015 alcanzáronse os 33 millóns de euros de facturación neste eido produtivo e, en canto á superficie, ata 20.300 hectáreas estaban dedicadas ao sector agroecolóxico en Galicia, o que supón un incremento do 33% respecto ao exercicio anterior.

Novas medidas
O departamento que dirixe Ángeles Vázquez espera que nos vindeiros días se actualicen estas cifras coa presentación do balance do último ano por parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.
O Plan de fixación de poboación no medio rural, que ten en marcha a Consellería que dirixe Vázquez, integra dentro das 23 medidas que o compoñen unha orientada a este sector. Así, para o presente ano vanse destinar 4,3 millóns de euros para fomentar métodos de agricultura ecolóxica, compensando os sobrecustos que ditas prácticas supoñan.

Percepción e consumo
Neste encontro tamén se avaliou a percepción e o consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia , a partir do último barómetro elaborado polo Consello Regulador. Neste sentido, os responsables do Craega indicaron que case o 92% dos galegos coñece ou escoitou falar dos alimentos ecolóxicos. Ademais, a saúde é a principal motivación para consumir este tipo de produtos. Os que con máis frecuencia se adquiren son as froitas, seguidas das verduras frescas e os lácteos.

Medio Rural impulsará a agricultura ecolóxica a través dun plan estratéxico