Reportaxe | Os gandeiros máis novos demostran como é posible un futuro no rural

Reportaxe | Os gandeiros máis novos demostran como é posible  un futuro no rural
Adrián Armesto traballa na súa explotación de vaca cachena en Trascastro, O Incio / Adrián Armesto

Contra o éxodo do rural e os estereotipos que aínda persisten sobre a vida no campo, algúns mozos demostran que traballar no campo é viable e rendible económicamente.

Este é o caso de Adrián Armesto, que con só 25 anos decidiu montar unha aldea modelo en Trascastro, O Incio, de onde é natural. Esta iniciativa, que permite que se recuperen terras en desuso ou abandonadas, trata de promover o interese e, sobre todo, o investimento da xente máis nova no rural.

Grazas a proxectos como as aldeas modelo, centos de hectáreas desaproveitadas teñen agora unha segunda vida, na que, ademais de dar unha rendabilidade económica, anticípanse aos lumes. A maioría destas parcelas están próximas ás casas, polo que a sua limpeza e uso serven de barreira natural contra os incendios.

 

Amparo xurídico

As aldeas modelo, que son mecanismos para a recuperación de terras e para a dinamización do rural galego, contarán pronto cun importante pulo. A futura Lei de recuperación da terra Agraria de Galicia, que proximamente tramitará o Parlamento Galego, dará garantía xurídica a este mecanismo, xunto con outros como son os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta da terra.

Así, esta normativa aportará solucións a un dos problemas do rural galego: a dispersión e o pequeno tamaño das parcelas. Ademais, esta lei tratará de poñerlle fin ao descoñecemento que hai sobre a titularidade de moitas leiras, remantando, deste xeito, cunha das complicacións da mobilización de terras.

Proxectos como os de Adrián Armesto, que está a establecer unha explotación de vaca cachena en Trascastro, poñen de manifesto a gran axuda que presta o Banco de Terras.  “Coa idea das aldea modelo vimos que había unha oportunidade”, sinala.

Armesto agradece o traballo das personas que, desde as administracións, limparon as parcelas, desbrozaron ou construiron os muros da súa explotación.

“Dificultades non atopei moitas”, di este gandeiro, e engade que “sen axuda dos veciños, isto non sería posible”.

Adrián Armesto refírese á cesión dos terreos que os veciños da zona fixeron para este proxecto saíse adiante. Deste xeito, os propietarios sempre recibirán unha prestación económica por deixar as súas terras, é dicir, está garantida a súa rendibilidade. Con todo, os donos da terra seguen mantendo a total propiedade das parcelas.

 

Apego ao rural

O despoboamento do rural é un dos retos que o Banco de Terras trata de superar, a través das aldeas modelo e doutros proxectos de mobilización en marcha, como son os polígonos agroforestais. Así, mozos como Adrián poden atopar un futuro no campo.

“Nacín no rural e vivín rodeado de natureza e animais desde pequeno”, sinala. Malia a súa xuventude, tivo claro que quería quedar no Incio, e seguir os pasos de seu pai, quen foi a súa principal axuda durante este proceso.

Confesa que sen o apoio de seu pai no día a día, “sen que estivese ensinándome cousas, igual non sería posible e a miña cabeza non tiraría por aí”. Finalmente, viu nas aldeas modelo unha oportunidade para montar unha explotación de vaca cachena, e acadar un proxecto rendible, co que tamén contribúe á recuperación do rural.  

Adrián Armesto e a súa explotación ecolóxica poñen de manifesto que cunha boa idea o rural ten futuro, e nel tamén teñen cabida os novos.

Por iso, iniciativas como as aldeas modelo, ademais de darlle outra oportunidade ás terras, serven para dinamizar o rural galego e manter a vida de lugares como este de Trascastro.

Reportaxe | Os gandeiros máis novos demostran como é posible un futuro no rural

Te puede interesar