“As persoas que se sintan galegas e de esquerdas, só teñen un voto útil: o BNG”

El Ideal Gallego-2011-05-20-008-08d99cce 

eleccións 22-m  a campaña

xosé manuel carril  candidato do bng

Os principais actos de campaña xa remataron e Xosé Manuel Carril foi un dos candidatos máis activos. Coma o resto de aspirantes a alcaldía o reparto de propaganda electoral, os mitins polos barrios e as declaracións ante os medios de comunicación ocuparon a súa axenda, pero e que ademáis, Carril preferiu representar sempre ao seu partido nos debates e non delegar noutros membros da candidatura, como fixeron outras formacións. Agora só lle queda por diante un último reparto de panfletos, na rúa de Barcelona, e o derradeiro discurso que, como non podía ser doutro modo, será en Monte Alto, no Campo de Marte. Despois, en dous días, o nacionalista voltará dar clase en Ferrol, polo menos, temporalmente.

entrevista de c.r.

Só queda un día de campaña, pero Carril non descansará nin tan sequera na xornada de mañá, cando terá reunión coa comisión electoral.

—Faga un balance da campaña electoral.
—Realmente positivo. O traballo de elaboración do programa do BNG conxuntamente coas veciñas e veciños dos distintos barrios da nosa cidade tivo moi boa acollida posteriormente entre a propia cidadanía na presentación, sempre en cada barrio, das máis de mil actuacións que nos propuxeron. Unha experiencia moi enriquecedora e moi positiva.
—Como valora o comportamento do resto de candidatos?
—No plano persoal, o trato foi moi cordial e afectuoso. No plano político, representan a forzas políticas que, baixo o punto de vista do BNG, non achegan nada para saírmos da crise económica que padecemos. Seguen a insistir en políticas de dereitas que son precisamente as causantes desta crise. Ademais, amosan plena coincidencia nas súas propostas de actuación, nomeadamente en todo o que ten a ver co deseño da Coruña como xigantesco bazar en detrimento do pequeno e mediano comercio. O PSOE e o PP pretenden presentarse como forzas políticas diferentes pero a súa actuación en casos como a reforma laboral, a reforma da seguridade social, a bancarización das caixas, as axudas públicas aos bancos, o decreto do carbón, que tanto ten afectado á actividade comercial do noso porto, a actividade pesqueira ou a rexeneración da ría do Burgo, evidencian con claridade que actúan como único partido.
—Que ambiente palpou na rúa durante a campaña?
—Realmente bo. Todos os mitins que fixemos nos barrios foron secundados con moita participación e interese. A candidatura do BNG sentiuse moi apoiada pola cidadanía precisamente porque a os veciños e veciñas viron como as súas propostas en materia de creación de emprego, de promoción do pequeno e mediano comercio, de mellora do transporte público ou de benestar figuran no noso programa.
—Cal será a primeira medida que tome se gaña as eleccións?
—Desde a participación cidadá, o BNG comezará a executar o programa elaborado conxuntamente coa cidadanía e cos movementos sociais, en que insistimos na idea de que A Coruña ten que ser unha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel para que o Concello da Coruña sexa motor de desenvolvemento económico e social da cidade, da comarca e de Galiza. E sempre para saírmos desta crise con xustiza social, priorizando todo o que ten a ver co emprego e coa defensa dos servizos sociais públicos.
—Que fará na xornada de reflexión.
—A candidatura do BNG ten unha reunión o sábado pola mañá coa comisión electoral de cara a seguirmos planificando o noso traballo para o día das votacións. Logo desta xuntanza, retomarei o meu tempo e a miña vida privada para estar coa familia e amigos, tendo en conta tamén que ese mesmo día hai partido do Depor.
—Que espera que ocorra o domingo? Onde irá votar? Ten algún ritual establecido para este día?
—A candidatura do BNG espera obter os mellores resultados para garantir que non haxa políticas de dereitas no Concello da Coruña. A min correspóndeme votar no CIFP Ánxel Casal. Non teño ningún ritual especial para ese día, agás estar a disposición da militancia do BNG para o que precise.
—Por que elexiu Monte Alto para fotografiarse?
—Porque é o barrio onde me criei e no que sigo vivindo.
—Que lle diría aos que aínda están indecisos?
—Que para acabar coa indignación hai que transformar, e para transformar, hai que votar o BNG. As persoas que se sintan galegas e de esquerdas, só teñen un voto útil o 22 de maio: o BNG. Se non votades e quedades na casa, outros votarán por vós para que os mercados e os bancos sigan sendo solventes e nós nos sigamos empobrecendo.

 

“As persoas que se sintan galegas e de esquerdas, só teñen un voto útil: o BNG”

Te puede interesar