“O xurado foi benevolente xulgando a miña obra”

El Ideal Gallego-2014-12-28-018-8ca3e9ae

Chegar e encher. Con esta frase tan enxebre poderíase resumir a traxectoria de Aleixandre Lago (Culleredo, 1992) no ámbito da poesía. Foi presentarse por primeira vez a un certame literario e gañalo coa obra “Poesías”.

Que se sente ao gañar un premio como o Díaz Jácome que organiza o Concello de Mondoñedo?
Eu non estou moi metido no mundo dos premios literarios e da cultura en xeral e o único que podo dicir é que me causa moita ledicia que se valore o meu traballo, ainda que tan só sexa exercicios de aprendizaxe.

É a primeira vez que se presenta a un premio?
Sí, é a primera vez e foi de casualidade porque me animou un compañeiro. El está máis metido neste mundillo e ao final presenteime a ver que sucedía.

Coñecía con anterioridade o premio?
Xa digo que foi este amigo o que me falou del e considerou que se adaptaba aos poemas que eu fixera o verán pasado e que non teño en gran estima. Xa tiña vergoña de ensinarllos aos meus amigos, non te podes imaxinar como me sentía para envialos a un certame.

E o de facer poesía é un pasatempo ou unha necesidade?
Para min é algo moi importante. Tratando de facelo en serio, levo desde os quince ou dezaseis anos. Non é para nada un pasatempo pero tampouco un oficio, xa que desde a Grecia Antiga poucos teñen como profesión facer poesía. Pero si que lle dá sentido a miña vida.

O de pasatempo é porque vostede dixo que lle daba vergoña ensinar os seus poemas aos amigos.
O contrario, todo o contrario. Dáme vergoña porque me tomo isto moi en serio. Considero que o que estou a facer non é merecedor de facerse público polo momento.
Un pouco paradóxico, non?
En absoluto. Como me tomo isto en serio, insisto, creo que ten que ter un período de apredizaxe e un tránsito. Un alfareiro non fai públicas as súas obras ata que son perfectas.

Non está convencido da calidade da súa obra poética?
De o que si estou convencido é de que lle falta calidade.
Pero un premio literario non se gaña sen calidade...
Supoño que o xurado valorou o que hai e obviaron o que non hai. Foi benevolente. Entendo que tivo en conta que é un premio de poesía xuvenil e consideran que é unha fase de aprendizaxe.

A obra que presentou ao certame trata só unha temática ou é variada?
Neste caso tiña vocación de conxunto. Son catro poemas coa mesma estrutura métrica, con temáticas distintas pero coa vontade dun mesmo estilo. Hai un que é algo distinto pero mantén a consonancia co resto.

Existe algunha razón para escoller o galego como idioma para as poesías?
O idioma non o escolles ti, escollete el. Son bilingüe, falo tanto galego como castelán e tamén escribo nos dous pero naquel momento necesitaba o galego.

“O xurado foi benevolente xulgando a miña obra”

Te puede interesar