Unha fábrica de científicos autosuficientes

|

A sala Maker que onte se inaugurou na Domus preséntase como “configurable”. Adaptable ao que a tecnoloxía requira e ao que o propio título pregoa: “Faino por ti mesmo”. O espazo dividirase en dúas zonas de traballo. En maker, pilotaranse talleres científicos e eléctricos, onde os rapaces se iniciarán na robótica e programarán, de menos a máis, e sen excluír aos mestres. O xefe de servizo dos Museos Científicos, Ángel Loureiro, explica que moitas veces os profesores non teñen os medio necesarios para formarse. Eles daranllos para que coqueteen con impresoras 3D e softwares de códigos abertos. Os automatismos, sinalaba o responsable, terán acubillo nun novo recuncho que seguirá o espírito maker para que a ciencia non sexa pasiva. 
Nel, reservarase dous apartados a Fab-lab, destinados a propostas máis duras relacionadas con cortadoras láser e de madeira e con fresadoras baixo a tutela de especialistas, que contarán para comezar a andar coa colaboración do Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, pioneiros na posta en marcha de espazos maker integrados en centros de ciencia. 
A idea é abrilo a todos os públicos. Agrupalos en equipos para formalos e tamén deixalos libres para que pensen coas mans e sempre sobre seguro: “Que a xente faga os seus propios produtos” e que os cativos adquiran conciencia de sostenibilidade e respeten o medio ambiente: “Maker toca moitos temas de maneira transversal”, sinala Loureiro. No seus despegue, desenvolveranse obradoiros para escolares: circuito@domus, onde experimentarán con baterías, lámpadas, timbres ou interruptores, e robots_pintores@domus, no que os alumnos crearán un dispositivo a motor. Ademais, Maker xa ten cubertas as prazas para o seu Club Tecnolóxico e os Talleres Robotix. 
Neste aspecto, o alcalde Xulio Ferreiro manifestou que os museos dan un paso máis na súa internacionalización, adoptando unha nova forma de facer que vai parella ao emprendemento e a creatividade: “Se queremos incluír A Coruña na vangarda este é o espíritu”. Pola súa parte, Loureiro falaba do hidroavión que colga do teito e que ve a luz despois de permanecer 20 anos no almacén. Conta o experto que a maqueta representa un aeroplano co que se fixeron probas nos anos 30 e que amerizou no porto da Coruña: “É un símbolo da innovación xa que posteriormente cruzou o Atlántico con 100 persoas”. A Domus dará boa conta da sala este sábado cando as portas se abran gratis para que os coruñeses participen na feira tecnolóxica OSHWDem, organizada por Bricolabs.

Unha fábrica de científicos autosuficientes