A carreira de O Pino abre unha edición que rematará en Negreira

A carreira de O Pino abre unha edición que rematará en Negreira
Copia de Deporte Campeón-2014-04-30-025-ae9f419f

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou onte a segunda edición do Circuíto Provincial de Carreiras Populares que este ano chegará a 18 probas, fronte á decena do pasado ano. Comezarán este domingo en O Pino e rematarán o 9 de novembro en Negreira, coa proba máis lonxeva da provincia, que este ano cumpre a súa XXXV edición.  
Calvo salientou durante a súa intervención que tras o “éxito do ano pasado, esta proba tiña que ter permanencia no tempo”. “O que o ano pasado presentamos como un proxecto piloto vai xa camiño de ser unha proba máis do calendario anual dos atletas”, apuntou o titular provincial.
Por iso, nesta segunda edición a Deputación investirá 25.950 euros para a organización das distintas carreiras (18.000 euros) e para os premios dos gañadores (7.950 euros), que sairán dos resultados que os corredores obteñan nas distintas competicións. Haberá unha puntuación individual e outra por clubs, que se dividirá en categorías de idade.
O presidente da Deputación recordou que o ano pasado tomaron parte no circuíto máis de 10.000 persoas e este ano espera incrementar a participación grazas ao aumento de probas. Todas as carreiras incluídas no circuíto forman parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, cuxo presidente Isidoro Hornillos Baz, estivo presente na presentación de onte, á que tamén acudiu a vicepresidenta e responsable provincial de Cultura e Deportes, Mariel Padín.
Hornillos, pola súa banda, agradeceu o compromiso da Deputación co deporte e máis en concreto con esta modalidade que cada vez ten mais adeptos na provincia. “Nunca a inversión de fondos públicos está tan ben xustificada porque chega aos cidadáns”, declarou.
Todas as probas que se desenvolverán ao longo dos próximos meses forman parte do calendario oficial da Federación e poderán participar dende nenos ata veteranos. Entre as bondades do “pedestrismo”, Calvo destacou o “saudable” que son este tipo de probas, non só na súa vertente “deportiva e competitiva”, senón tamén pola súa parte “recreativa, social e educativa”. n

A carreira de O Pino abre unha edición que rematará en Negreira

Te puede interesar