Cortizo amosa o seu compromiso coa RAG na súa primeira visita institucional á sede

El Ideal Gallego-2011-07-20-017-43ab18be 

m.g.m. > a coruña
  O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, recibía onte na sede da rúa Tabernas ao delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, nunha visita institucional na que o representante do executivo nacional se comprometeu a seguir apoiando á entidade centenaria en cuestión de orzamentos.


O representante da RAG lembraba a “discriminación brutal” que sufriu o organismo da lingua en 2010, que se subsanou durante este ano despois de que a Moncloa inxectara máis cartos, en concreto, un millón de euros. Foi a primeira vez que a RAG recibía esta cantidade procedente da capital.
Ferrín sinalaba que aínda que a cantidade permitiu que a Real Academia saise a flote, as diferencias entre as entidades galega e a catalana e vasca seguen sendo sustanciais, polo que o presidente afirmaba que continuaría metendo presión para que as partidas fosen parecidas entre as comunidades nos vindeiros exercicios: “Nesa bataia imos todos xuntos”.
Ferrín dicía “sentirse moi honrado” polos vínculos mantidos coa Delegación do Goberno desde o mesmo momento en que se creou. Pola súa parte, o delegado do Goberno confirmaba o seu compromiso pola institución centenaria e o apoio por parte de Madrid a todo o traballo que se está a facer en A Coruña.
Cortizo confesaba que o que máis lle gustaba de Ferrín era a súa poesía no transcurso dun encontro no que tamén estiveron presentes outros membros da corporación lingüística como o secretario, Xosé Luís Axeitos.

Partidas > Por outra parte, o grupo socialista presentaba onte una iniciativa parlamentaria na que lle esixen á Xunta que libre os cartos das transferencias pendente da Real Academia Galega. Segundo o portavoz de Lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, o ente “tería que ter cesado nas súas actividades e tería mesmo que pechar as portas da súa sede se non fose polas transferencias do goberno de España”.
Cerviño advirte que o non libramento inmediato destas partidas abocaría a unha suspensión de parte da actividade que desenvolve a institución para normalizar o idioma, “cando non a unha suspensión de pagos”. O representante matizaba que a paralización das transferencias podería poñer en perigo as nóminas dos empregados. Engade que “o grave e urxente é que, a día de hoxe, a Xunta aínda non librou un só euro correspondente ao ano 2011”, nun momento no que xa teñen comezados os seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Termigal, así como os cursos de verán.

Recursos > O representante socialista sinalaba que a RAG era “unha institución esencial da nosa cultura e a nosa lingua”, e que so pode manterse cun orzamento sostido polas administracións públicas xa que carece de recursos propios. Por iso, lamentaba o desleio do Goberno autonómico, “que vén de reducir considerablemente as transferencias para este organismo dende a chegada do PP”.
Cerviño repasaba os anteriores exercicios asinados desde San Caetano e fixaba nun catorce por cento menos as transferencias de 2010 con respecto ao ano anterior. O voceiro explicaba que se ben a Real Academia Galega foi compensada cun orzamento dirixido a paliar o mal estado no que se atopaba o vello edificio da rúa Tabernas, os recortes incrementáronse en 2011, “cando volveron a diminuír en algo máis do dez por cento” se se comparan a 2010. En concreto, a entidade recibía o pasado ano 58.000 euros máis que o destinado en 2011.
Hai que lembrar que as obras de mellora repercutiron nunha reorganización dos fondos que ten a RAG no edificio que fora propiedade de Pardo Bazán. Os libros e documentos que corrían perigo coas anteriores condicións de temperatura e nos continentes nos que estaban almacenados, pasaron a encher novos mobles acondicionados que os aillaron de posibles adversidades. Ademais, a reforma tivo que ver cunha rehabilitación do tellado que conformaba unha ameaza considerable fronte a todo o que alí se conserva e que ten que ver co máis importante que ten Galicia. O seu idioma.


Cortizo amosa o seu compromiso coa RAG na súa primeira visita institucional á sede

Te puede interesar