Unha primavera de letras para todos

Unha primavera de letras para todos
QUINTANA. PRIMAVERA LIERARIA EN CURROS ENRIQUEZ

Pola súa sensibilidade coa lingua, o CEIP Curros Enríquez foi onte o escenario de presentación por parte da RAG do proxecto web “A primavera das letras”, que fará que os rapaces deseñen o seu propio carnet de identidade como un día o fixo Manuel María. A súa poesía dará xogo aos centros escolares non só para poñer aos rapaces a cabalgar versos do escritor lucense, senón tamén para achegalos a un mundo xeográfico de ríos e de chairas, o que tan ben describiu o poeta e que lles levará a vivir unha lección de Coñecemento do Medio sen sabelo, dunha forma divertida. O que pasou os derradeiros anos da súa vida no mesmo barrio que eles aprenden ecuacións será o que marque as fichas didácticas, que de momento son tres, pero que engordarán a medida que se aproxime o Día das Letras Galegas, segundo explicou o secretario da Academia, Henrique Monteagudo.
A primeira terá que ver cunha introdución da efeméride a celebrar e a segunda abordará a figura de Manuel María para pasar a un terceira cun enfoque multidisciplinar, tal e como matizou Monteagudo. Os nenos de toda Galicia buscarán versións musicadas. Colorearán identidades e lerán parte da escrita do que fixo entoar aos cativos de sexto de Primaria un rap inspirado na súa vida, axudados polo seu mestre de música, Víctor González. 
Do intelectual, fixeron hip hop co seu compromiso co idioma baixo o lema “Con Manuel María temos que aprender” e recolleron a súa traxectoria desde que se asomou ao mundo na Casa de Hortas, en Outeiro de Rei. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, asegurou non saír do seu asombro polo ben articulada que estaba a biografía. O responsable destacou que cando se trata dunha institución educativa que leva o nome do ourensán, a RAG sempre estará ahí porque a entidade existe en parte grazas a el e o seu esforzo polo galego. 
De Manuel María lembrou os máis de 40 poemas sobre a fala que fixo e que máis que defendela, precísase poñela en práctica igual ca Manuel María, que a aprendeu con catro anos en Celanova e non a soltou nunca ou Curros, “a espada máis afiada que houbo no século XIX”. 
Para Alonso Montero, o autor de “O Maio” puxo o galego ao servizo dunha conmoción que ten no poema pola morte da súa nai a súa máxima. A Real Academia e o centro intercambiáronse agasallos e se o primeiro entregou volumes como un facsimilar da primeira edición de “Aires da miña terra”, entre outros, o segundo condecorou á viúva de Manuel María, Saleta Goi, cun ramo de flores e unha peza de cerámica á institución, que trata con esta iniciativa de fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, e darlle recursos didácticos para traballar contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas durante todo o ano. 
En academia.gal/primaveradasletras, dispararán exercicios a todo o alumnado de Infantil e Primaria, pero tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre. Por outra banda, os de quinto recitaron en alto os poemas “A fala”, de “As rúas do vento ceibe”, e “Galiza”, de “Os soños na gaiola”, e o seu director, Antonio Leonardo, destacou que desde o Campo de Marte teñen a lingua moi presente desde hai 16 anos: “Nós gañamos que os nosos alumnos teñan máis vivencias, máis experiencias, favorecer a súa formación como persoas”. Ademais, a web da Academia fai un percorrido biográfico con imaxes da vida de Manuel María.

Unha primavera de letras para todos

Te puede interesar