Miro Casabella, Uxía e Molime renderán tributo a Manuel María no seu “teatro preferido”, o Rosalía

Miro Casabella, Uxía e Molime renderán tributo a Manuel María no seu “teatro preferido”, o Rosalía
El Ideal Gallego-2019-09-21-036-4f94aff3

O vindeiro mércores, 25 de setembro, o teatro Rosalía de Castro acollerá a edición once de “Lúas de Outono”, o acto anual de homenaxe á figura de Manuel María, organizado pola casa museo que leva o seu propio nome.

Este ano o acto contará coas actuacións de Miro Casabella, Uxía e Molime, e será presentado e conducido polo polifacético Xurxo Souto, que participou onte no acto de presentación deste tributo xunto ao concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, o secretario da fundación Manuel María, Alberto Ansede, e a viúva do homenaxeado, Saleta Goi.

Tal e como explicaba Souto, o acto busca ser unha “celebración” no “teatro preferido de Manuel María”, o Rosalía, que contará con entrada de balde ese día, aínda que haberá que retirar os convites na billeteira do recinto, entre as 16.00 e as 20.00 horas do propio mercores.

“Toda a obra de Manuel María é música, moitos dos seus libros teñen nomes musicais e foi o pioneiro desa Nova Canción Galega, de Voces Ceibes”, destaca Souto na presentación. Xa que é un tributo que se centrará na música, tanto Couto coma Souto destacaron que o poeta de Outeiro de Rei é un dos máis musicados do país, xunto a Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez; “máis de 100 poemas musicados”, sinalaba Souto sobre a obra de Manuel María.

Difundir os valores 
Certo é que o poeta naceu en Outeiro de Rei, mais A Coruña, onde chegou xunto a Saleta Goi nas súas idades de xubilación, “foi a cidade que eles escolleron para vivir”, destacaba Ansede.

Foi o secretario da fundación Manuel María quen explicou que  con “Lúas de Outono” “non queremos facer un recordo nostálxico dun amigo perdido”, senón que o que desexan “que o espectáculo sirva para difundir a obra de Manuel María e tamén os valores que él defendía, e sobre todo os valores que el practicaba”, engadía.

Ademáis, tal e como sinalaban Ansede e Souto, búscase tamén conmemorar a aparición da Nova Canción Galega, “que se produciu hai algo máis de 40 anos, en concreto nun concerto oficial de presentación no teatro Capitol de Santiago, o 1 de decembro de 1968, do que Manuel María foi o presentador, e tamén houbo moitas letras do poeta que foron interpretadas aquel día”, dixo Ansede.

Tal e como engadiu o secretario da fundación, o acto cobra un maior simbolismo, porque Casabella é a única persona que participou naquel concerto que segue nos escenarios.

Miro Casabella, Uxía e Molime renderán tributo a Manuel María no seu “teatro preferido”, o Rosalía

Te puede interesar