Células que forman sopas e bosques

El Ideal Gallego-2011-05-04-014-b70277a5

A Domus presenta en colaboración coa Obra Social “la Caixa” un total de 21 paisaxes neuronais realizadas con técnicas de vangarda por neurocientíficos de todo o mundo, que confirman a evolución desde que Ramón y Cajal deu en chamalas neuronas ata a actualidade, que deixa para o curioso unha serie de composicións que recordan a Picasso e a Renoir.

Reportaxe de marta garcía márquez

Que as imaxes microscópicas poden ser auténticas obras de arte, queda confirmado na exposición que onte presentaba a Domus en colaboración coa Obra Social “la Caixa”. Os espectadores poderán recrearse en 21 paisaxes que encerran o corpo humano e que están realizadas con técnicas de vangarda por neurocientíficos de todo o mundo e veñen a ser unha testemuña da evolución, de cando Ramón y Cajal se converteu nun experto en observar este tipo grandiosidades de minúsculo tamaño ata a actualidade, que fai uso de procedementos de tinción tradicionais e modernos.
Deste xeito, revelan a estrutura do cerebro que recorda a pinceis rompedores como Picasso, Renoir ou Miró. As pezas foron seleccionadas entre un total de 433 imaxes enviadas por 62 laboratorios de neurociencia de todo o mundo. A mirada curiosa ten unha oportunidade para deterse diante dun “incendio provocado”, un “bosque pensante” ou unha sopa cocida a base de neuronas que son as formas que debuxan as células do cerebro. Son as redes que se forman aí na cabeza e que atenden a cores extraordinarias, curvas caprichosas e siluetas que parecen as dun morcego.
A exposición está organizada pola entidade catalana, baixo a dirección científica de Javier de Felipe, do Instituto de Neurobioloxía Ramón y Cajal, e de Henry Markram, director do Brain Mind Institute de Lausanne, que contaron coa colaboración do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e IBRO (Organización Internacional para a Investigación do Cerebro).
A iniciativa pretende tender unha ponte entre a ciencia e a arte e reflicte que o debuxo científico non é máis que unha ferramenta imprescindible para moitas especialidades. No caso concreto do estudo do sistema nervioso, este avanzou grazas á evolución das técnicas de magnificación e as de representación.
A mostra ensina como un Ramón y Cajal foi o precursor de todo isto ao facer ver que estes debuxos describían, por vez primeira, as células nerviosas, ás que denominou “neuronas”.

Método > Ademais, “Paisaxes neuronais” son unha proba evidente de que a ciencia non pode ser vista nunha primeira ollada. A exposición confirma que o método empregado polo premio Nobel de Medicina segue a empregarse un século máis tarde. Este investigador pioneiro inculcou que para isto de mirar as neuronas cumpría “mirar e debuxar, mirar e fotografiar e mirar e interpretar”. Nestes tres pasos están tamén distribuidas as imaxes.
A diferenza está en que cen anos despois os avances permiten visualizar os complexos micropaisaxes que soportan a intelixencia humana.
A totalidade das obras procede da investigación científica da vangarda, fundamental tanto para a comprensión neste campo como para a intuición artística. Cada unha dela vai acompañada de textos escritos por pintores, escritores, filósofos e outros intelectuais.

Células que forman sopas e bosques

Te puede interesar