“Se esa xente de esquerda desencantada vai votar, pode haber unha sorpresa tremenda”

El Ideal Gallego-9999-99-99-999-02b66f2c

eleccións 22-m  a campaña

césar santiso  candidato de esquerda unida

Cun presuposto de 3.000 euros para a campaña, Esquerda Unida enfróntase ás eleccións municipais que mellores resultados auguran para o partido. Para superar este reto e, sobre todo, superar o umbral do primeiro concelleiro o seu candidato, César Santiso, recorre as rúas cun vehículo empapelado de vermello coas siglas do partido e mensaxes de cambio nos seus altavoces. Santiso tenta convencer aos votantes de esquerda desencantados de que o absentismo non é a solución. E o portavoz confía plenamente en que a súa mensaxe está chegando  pola resposta que está recibindo da xente. O seu obxectivo, converter A Coruña nunha cidade máis sostible e na que os veciños teñan máis oportunidades para decidir.

entrevista de c.r.

Nas anteriores eleccións a candidata de Esquerda Unida quedou ás portas de entrar no Concello.
—Que expectativas teñen este ano?

—Practicamente a maior parte das enquisas dannos que entramos con representación, nós os datos que estamos a barallar é que estamos rozando o segundo concelleiro. O problema verdadeiro que temos é romper ese teito do 5%, que nós consideramos totalmente inxusto e con pouco espírito democrático. De feito, nas anteriores municipais senón fose por ese teito, pola lei D’Hondt, nos correspondería ter presencia. Os datos que temos son esos, estamos moi cerquiña, moi cerquiña e iso sempre depende dos restos, de se hai algunha outra forza que chega ao cinco, que parece que non, que só somos as catro principais as que poden chegar. Pero dende logo temos unha esperanza moi importante, notamos que a xente está moi cansa e que está brindándonos moito apoio, as redes sociais botan fume e tamén na rúa.
—Podería verse beneficiado dunha desilusión polo PSOE, por como encarou a crise?
—Efectivamente polo PSOE porque está a desenvolver políticas económicas neoliberais, entón pois toda a xente de esquerdas está totalmente desilusionada e moitos síntense enganados porque, claro, non son unhas políticas propias dun partido de esquerdas. Entón por esta parte sí, pero por outra parte, tamén en xeral hai un desencanto e ganas de cambiar as cousas. Dese rango do 45 ou 55% de abstención que pode haber, moita xente é xente de esquerda desencantada, xente que está en contra deste sistema. Esa xente está dándose conta de que non vale con non ir votar, que iso beneficia ao bipartidismo. Se esa xente sae á rúa o 22 de maio pode haber unha sorpresa tremenda na Coruña.
—Estarían dispostos a pactar con outro partido?
—Nós en principio consideramos que se non temos un apoio masivo ou moi importante da veciñanza, non debemos gobernar. Nós temos un programa pragmático e alternativo e temos forza para gobernar, pero coa xente. Se a xente nos da ese apoio, porsuposto que nós gobernaremos, se nos da un apoio inferior, entendemos que o quere é que controlemos e que fiscalizamos a acción de goberno.
—E se ten dous concelleiros, como o interpreta?
—O interpretamos nun principio simplemente como que a xente quere que controlemos e que fagamos unha oposición digna. Agora ben, iso non é unha decisión individual. Nós somos unha organización eminentemente asamblearia, aínda que teñamos órganos de decisión, todas as decisións importantes tómanse en asamblea. Entón a asamblea local será soberana para tomar a decisión que considere oportuna. Nós non nos imos vender por un par de concellerías, pero todo dependerá da correlación de forzas final e do que opine a nosa asamblea.
—Cales son as súas apostas principais para a cidade?
—Temos dous liñas que son transversais en toda a política municipal. Unha é empoderar á veciñanza, que teña máis capacidade de decisión, a través de participación cidadá e de orzamentos participativos porque quen mellor pode decidir as necesidades do seu barrio que os propios veciños. A outra política transversal é o cambio de modelo productivo cara un máis sustentabel e menos dependente do petróleo. Dende esas dúas liñas desenvolvemos todas as políticas, como a reactivación da economía local para crear emprego e a movilidade, temos desenvolvido un plan de movilidade universal e sostíbel.
—En que consiste ese plan?
—A misión fundamental é reducir a utilización do vehículo privado a motor. Hai varias posibilidades para facelo, primeira, mellorar a calidade do transporte público colectivo. Neste sentido, ademáis dunha ampliación de liñas e frecuencias para asegurar que a veciñanza poida utilizado de facto, un segundo punto sería desenvolver liñas circulares que permitisen a conexión entre barrios, sen ter que pasar polo centro. E logo, quizás a parte máis importante, que se non é competitivo, a veciñanza vai seguir utilizando o seu vehículo privado. Apostamos por unha tarifa única progresiva que consiste en que nun primeiro momento pagas o precio de tarifa que se estableza e partir de ahí cada viaxe ao longo de todo o día é simplemente un 10%. Eso é unha parte importante, pero hai máis. Para que ese transporte sexa cómodo o que temos que facer é desenvolver unha rede importante de carril bus, consensuada e que non destroce o pequeno comercio. Planificada e moi participada. E despois recuperar os camiños de ferro e facer aparcadoiros disuasorios gratuitos.
—Está dacordo co Plan Xeral aprobado inicialmente?
—A nós gustaríanos cambialo, principalmente porque non foi participado coa veciñanza. Efecticamente é un plan que ten moitas  cousas interesantes, moitas cousas aproveitables e boas, pero a realidade é que a veciñanza non está contenta con él e só temos que ver o número de alegacións que se presentaron.
—Cómo afrontaría as indemnizacións de Someso?
—Ese é un dos grandes problemas. Non podemos traballar como ata agora, primeiro fago a acción e despois os servicios xurídicos que resposten como poidan, e se non poden respostar, os veciños e veciñas teñen que pagar estas indemnizacións que están chegando. Temos un problema porque o Concello vai estar endeudado. Nós trataríamos de consensuar cos afectados unha maneira de resolver o problema, pero a realidade é que a lei hai que cumplila. É un problema que nos vai deixar este goberno municipal.


“Se esa xente de esquerda desencantada vai votar, pode haber unha sorpresa tremenda”

Te puede interesar